Foz estrea un campamento de conciliación para facilitar o Nadal ás familias

Foz
AMariñaXa
A nova proposta desenvolverase na Sala Bahía e combinará actividades lúdicas con servizo de madrugadores
Campamento-Nadal-Foz-2025
13 Dec 2025

O Concello de Foz incorpora este Nadal unha novidade pensada especialmente para apoiar ás familias durante o período vacacional: a posta en marcha dun campamento de conciliación dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos. A actividade celebrarase os días 22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro e o 2 de xaneiro na Sala Bahía.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, explicou que o campamento contará cun servizo de madrugadores en horario de 9.00 a 10.30 horas, mentres que as actividades centrais se desenvolverán entre as 10.30 e as 14.00 horas. Ao longo das xornadas, as crianzas poderán participar en obradoiros creativos, xogos e propostas adaptadas ás distintas idades, nun ambiente pensado para o lecer e a aprendizaxe.

O custo total do campamento para os oito días establecidos será de 20 euros. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata este xoves día 18 ou ata completar as prazas dispoñibles, que se asignarán por orde de entrada. As solicitudes poden formalizarse a través da sede electrónica do Concello de Foz, no apartado de Trámites destacados, ou de maneira presencial no rexistro municipal.

Segundo destacou López Couto, trátase dunha iniciativa que combina diversión e utilidade: “É unha actividade atractiva para os nenos e nenas, ao tempo que facilita a conciliación das familias nunha época na que as vacacións escolares obrigan a facer auténticos malabarismos cos horarios”. A edil subliñou que desde o Concello se continúa traballando para incorporar propostas novas que dean resposta ás necesidades do día a día da veciñanza.

O campamento de Nadal complétase cunha ampla programación festiva no municipio. Así, durante estas datas tamén haberá xogos e inchables gratuítos na Sala Bahía as fins de semana do 27 de decembro e do 3 de xaneiro, ademais de teatro e das tradicionais visitas de Papá Noel e dos Reis Magos, co obxectivo de ofrecer alternativas de lecer para todas as idades ao longo das festas.

⚙ Configurar cookies
0.081331968307495