A veciñanza concentrouse diante do centro de saúde do Valadouro

AMariñaXa
Protestaron de forma masiva e malia o mal tempo pola falta de médicos
concentracion-centro-saude-o-valadouro
Concentración no Valadouro
30 Xuño 2024

A concentración celebrada diante do Centro de Saúde do Valadouro,  convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña e máis polo Concello do Valadouro en protesta pola falta de médicos volveu a ser masiva e "foi un clamor en contra do abandono ao que o Partido Popular está sometendo ao rural galego e de xeito especial e acentuado ao Valadouro en materias tan sensibles como é neste caso a sanidade e atención primaria, que neste concello xa chove sobre mollado, pois levan unha década tamén loitando por recuperar o servizo de pediatría que compartían co concello veciño de Alfoz que o PP eliminou", din desde o BNG.

O deputado mariñao no Parlamento xunto co tamén deputado provincial e mariñao tamén, o barreirense Daniel García, así como o responsable comarcal da formación nacionalista asistiron a esta concentración. Daniel Castro foi o deputado que levou a problemática do centro de saúde do Valadouro ao Parlamento e interpelou ao Conselleiro de Sanidade no pleno celebrado o pasado mércores día 26. Nas súas declaracións feitas hoxe na concentración Castro insistiu na reclamación que fixo o pasado mércores en sede parlamentaria, que é que o Centro de Saúde teña dous médicos sempre, que é o que veñen reclamando as veciñas e veciños, o equipo de goberno do concello e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña.

Daniel Castro recordou que á semana seguinte da tamén numerosa concentración do pasado 14 de abril, desde o Sergas anunciaran que se ían cubrir as dúas prazas inmediatamente, o que fai dubidar sobre o anuncio feito esta semana polo conselleiro ante a pregunta que lle formulou Daniel Castro.

O deputado nacionalista quixo tamén valorar esta nova mostra de dignidade da veciñanza do Valadouro reclamando os seus dereitos "a pesar do mal tempo, e diante das promesas baleiras ás que nos ten acostumado o Partido Popular".

0.17055010795593