Foz encheuse de cor e festa no gran desfile de Entroido




As rúas de Foz ateigáronse de xente para vivir unha tarde chea de música, cor e diversión co tradicional desfile de Entroido. Máis de 2.200 persoas disfrazadas desfilaron pola vila, desde charangas ata espectaculares carrozas que fixeron as delicias do público.
A cabeza do desfile ocupárona a raíña da festa, Coral Rey, e as súas damas, María Míguez e Icía Fernández, que vestidas de branco apostaron por unha carroza de inspiración invernal, moi acorde co día frío e ventoso. Tras o tradicional brinde co alcalde, Fran Cajoto, e a traca de inicio, comezou o desfile, que se puido seguir en directo por YouTube.
A primeira comparsa en saír foi Sin Xeito, que levou a México ata as rúas de Foz con traxes de verde escuro. As Farangullas apostaron pola cor con deseños en rosa e laranxa con tocados de plumas. Terapia de Grupo puxo ritmo ao desfile con homenaxe a Tina Turner, mentres que Pé do Molete fixo rir ao público cunha disparatada carreira de autos tolos. Ruxe, Ruxe apostou polo azul intenso e prata con espellos e chamativos tocados, e Susurros del Zodíaco recreou seres máxicos inspirados nos signos astrolóxicos. Liga Armada de Maleantes fixo rir a todo o mundo e A Folixa de Vegadeo sorprendeu con traxes de época en tons rosa adornados con perrucas, plumas e abanicos.
Habelas Hainas de Barreiros trouxo a maxia do Moulin Rouge con traxes en negro, laranxa, vermello e prata, e Burras Vellas inspirouse en Rihanna. A Peña Ñass apostou pola parodia con Kim Ya Gon, Eche o que Hai recreou o universo Disney, Bonaerensis transformou o desfile nunhas olimpiadas, K'Quess levou a Foz ata Exipto e Pernas do Centiño recreou unha regata de traiñeiras. Fálame Sempre parodiou a Donald Trump, Gandallada converteuse en monxas de Belorado, Malo Será trouxo traxes inspirados en aves, Os Macanudos de Barreiros sorprenderon con traxes de fantasía laranxa con plumas e chamas, Os Fandangueiros recrearon a realeza, A Choca de Ribadeo inspirouse en Asia e As Trouleiras encheron o desfile de dourado coas súas impresionantes ás sobre traxes negros.
O peche do desfile foi espectacular con Tas que Pías e os seus rechamantes avións, seguidos de As Xicas, poñendo o broche de ouro a unha tarde de Entroido inesquecible en Foz.
PREMIOS.
Os premios na categoría de carrozas foron para Eche o que Hai, coa súa espectacular representación de Disney; Gandallada, coas súas monxas de Belorado; e As Xicas.
Na categoría de grupos con artiluxios, os galardoados foron O Pé do Molete, Pernas do Centiño, Peña Ñasss e K' Quesss? Mentres que, na categoría sen artiluxios, os premios foron para Katuxada, Tas que Pías, Burras Vellas e Terapia de Grupo.
Este ano, na categoría de grupos entregáronse catro premios en lugar de tres, xa que o premio destinado á categoría de charangas foi redistribuído ao non presentarse ningún participante.
En parellas de adultos, os gañadores foron Víchelos Bichos? Víchelos Ben? e África con aroma de café. Na categoría individual, premiouse a Había unha vez un bosque encantado, De outro planeta futurista e Dama do Viñedo.
