Foz énchese de cultura, música e teatro nunha fin de semana marcada pola diversidade e a emoción

A actividade cultural en Foz continúa con forza esta fin de semana cunha programación diversa que mestura música, teatro e celebracións populares, marcadas todas por unha mensaxe de respecto, igualdade e amor pola arte local. Desde o venres 27 ata o domingo 29 de xuño, o municipio acollerá propostas pensadas para todos os públicos, tanto nos espazos públicos coma na Casa da Cultura.
A primeira cita será este venres, ás 19:00 horas nos xardíns do Paseo da Ribeira, coa actuación do Combo de Jazz da Escola de Música Arcadio Mon, unha formación nacida no propio concello e que representa a excelencia musical do alumnado da escola municipal.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anunciou que o sábado 28 será o día grande desta programación: “Chega o momento de coñecer os gañadores do IV Certame de Teatro Afeccionado José Luis López Lorenzo – O Poto, e queremos que a veciñanza nos acompañe”, sinalou. O acto será ás 18:30 horas na Casa da Cultura, onde tamén actuará a actriz e cómica Isabel Risco, que porá o toque de humor e reivindicación.
A xornada do sábado tamén estará marcada pola conmemoración do Día do Orgullo, que terá presenza en todos os actos, como explicou López Couto: “Queremos deixar claro que Foz é un lugar orgulloso do amor libre, onde cada quen pode ser quen é, sen medos nin etiquetas. No ano no que se celebra o 20 aniversario da Lei do Matrimonio Igualitario, non podemos permitir pasos atrás nos dereitos adquiridos”.
Esa mesma tarde, ás 20:00 horas no Paseo da Ribeira, terá lugar o concerto do Combo Mplan, tamén da Escola de Música Arcadio Mon, que volverá encher de sons contemporáneos a beira do mar.
O domingo 29 será o peche perfecto desta fin de semana cultural. Ás 19:30 horas na Casa da Cultura, o pianista Lino Rico presentará o seu novo proxecto musical titulado Músicas con Alma, acompañado das voces de Marga Gutiérrez e Lolo Castro. Será un concerto íntimo de boleros, tangos e baladas clásicas, interpretadas con voz e piano, sen artificios, co único obxectivo de emocionar: “Cancións que chegan ao fondo, difíciles de cantar e de tocar, pero que os nosos artistas interpretan con paixón e verdade. Un luxo para Foz”, afirmou a concelleira.
Por outra banda, a parroquia de Cangas celebra esta fin de semana as súas festas patronais na honra a San Pedro e á Virxe do Carme, cun completo programa musical. O venres haberá sardiñada e verbena, o sábado misa e sesión vermú, e o domingo repítese o esquema, con misa, música e a actuación da Banda de Música de Foz. As orquestras Kubo, Miramar, Magos, o dúo Venus e varios DJs porán a nota festiva a estas celebracións tradicionais.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, animou á cidadanía e aos visitantes a participar: “É unha oportunidade para desfrutar da mellor música feita pola xente da casa, dun teatro coidado con agarimo e das festas populares que tanto nos unen. Foz está vivo e queremos compartilo”.