Foz enche as rúas no día grande do Entroido cun desfile multitudinario

Foz
AMariñaXa
Máis de 2.100 participantes converteron o Fozódromo nun estoupido de cor, música e imaxinación durante máis de tres horas de festa
Desfile-Entroido-Foz-2026-6
15 Feb 2026

A vila de Foz viviu este sábado a súa xornada central de Entroido cun desfile que volveu demostrar a forza dunha celebración xa consolidada no calendario festivo da Mariña. Miles de persoas ateigaron as rúas e o coñecido Fozódromo para gozar dun espectáculo que reuniu arredor de 2.100 participantes entre carrozas, comparsas e disfraces individuais.

A programación arrincou co tradicional chupinazo, que marcou o inicio dunha xornada intensa. A continuación, a charanga percorreu o casco urbano animando veciñanza e visitantes, nun ambiente que foi medrando en participación e entusiasmo co paso das horas.

Durante máis de tres horas, o desfile converteu o centro da vila nun escenario aberto no que a creatividade foi protagonista. As carrozas, elaboradas con esmero, competiron en orixinalidade coas comparsas e cos grupos e participantes individuais, que encheron o percorrido de humor, sátira e fantasía.

Un dos momentos máis destacados foi a aparición da carroza do rei do Entroido, Derek Pérez, acompañado polas súas damas Laura Fanego e Cristina Otero. A espectacular composición, presidida pola figura dun dragón, non deixou indiferente ao público.

No apartado de premios, en carrozas o primeiro posto foi para Eche o que hai, seguido de As Xicas e Gandallada. En comparsas impuxéronse Habelas Hainas, por diante de A Choca, Sin Xeito, A Folixa, Farangullas, Ruxe-Ruxe e Fandangueiros.

Na categoría de grupos de adultos sen artiluxios foron recoñecidos Tas que Pías, Burras Vellas, Terapia de Grupo e Katuxada, mentres que con artiluxios destacaron Peña Ñasss, O pé do Molete e Pernas do Centiño. En individuais adulto, os galardóns recaeron en La Fábrica de Chocolate, Raíña Escura do Xadrez e Memorias do Entroido. En parellas adulto, o xurado premiou Vento en popa a toda vela, Colorín colorado Tiana e o Sapo cos huevos acabaron e Los guardianes del Bosque.

Ademais, entregáronse mencións especiais ao enxeño para K Quesss e Voando e brincando vou, así como un recoñecemento ao participante de máis idade, Carlos Villarino, integrante de Gandallada.

PROGRAMACIÓN

Desfile-Entroido-Foz-2026-2
Desfile-Entroido-Foz-2026-3
⚙ Configurar cookies
0.086868047714233