Foz elixirá este sábado na Sala Bahía á súa raíña ou rei do Entroido 2026

O espírito do Entroido adiántase este sábado, 8 de novembro, en Foz, coa celebración do acto de elección da figura da raíña ou rei do Entroido 2026. A cita terá lugar na Sala Bahía, onde dous candidatos, Sonia Cancio e Derek Pérez, defenderán as súas propostas para representar á vila nunha das festas máis esperadas do ano.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, explicou que a xornada “estará chea de actividade e diversión para todos os públicos”. O programa comezará ás 12.00 horas cunha actividade infantil de maxia a cargo do mago Jorge Lorenzo, pensada para que os máis pequenos tamén se contaxien do espírito entroideiro.
A partir de entón, a música tomará o protagonismo co Dúo Venus, que amenizará o vermú antes de dar paso, ás 14.00 horas, á defensa das candidaturas. Nese momento, Sonia Cancio e Derek Pérez exporán os motivos polos que queren converterse na raíña ou rei do Entroido e abrir o gran desfile do 14 de febreiro.
Despois das intervencións, continuará a música e, desde as 16.00 ata as 17.00 horas, permanecerán abertas as votacións para elixir quen levará o título. A sesión de tarde correrá a cargo de Eventec, e o nome da persoa gañadora revelarase ás 18.00 horas, nun ambiente de festa e camaradería.
Ademais, a organización ofrece a posibilidade de xantar na propia Sala Bahía, cun menú de comidas caseiras como polo, costela e chourizo ao allo ou xamón cocido, para quen queira gozar dunha auténtica xornada de guateque entre entroideiros. O prezo da entrada será de 3 euros para o público maior de 14 anos.
A edil de Cultura anima á veciñanza a participar activamente neste evento: “Agardamos que a xente se anime a vir, apoiar ao seu candidato favorito e desfrutar dunha sesión vermú e tardeo entre amigos. Recomendamos vir disfrazados; a temática é de guateque, pero cada quen pode deixar voar a súa imaxinación”.
Con este acto, o Concello de Foz dá o primeiro paso cara a un novo Entroido que, como cada ano, promete emoción, música e moita troula nas rúas.