Foz e Barreiros estudan medidas contra o proxecto do espigón da praia de Altar

Foz
AMariñaXa
Os concellos de Foz e Barreiros estudan alternativas e medidas ante o proxecto de construción dun espigón na praia de Altar de Barreiros.
playa altar barreiros e rapadoira foz
16 Abr 2021

Os concellos de Foz e Barreiros estudan alternativas e medidas ante o proxecto de construción dun espigón na praia de Altar de Barreiros.

De feito, o Concello de Foz procedeu á contratación dunha consultora de enxeñaría civil especializada en enxeñería marítima, portuaria e costeira – Aquática Enxeñería – para o estudo e alegacións do Proxecto de Estabilización da Praia do Altar e do seu Estudo de Impacto Ambiental.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, declara que “ao Concello de Foz preocúpalle o impacto e as consecuencias que un proxecto desta envergadura poida levar aparelladas nos cambios das correntes e na nosa ría. Estamos a falar con todos os actores implicados: Costas do Estado, Concello de Barreiros, Club Náutico, Asociación A Ribeira, colectivos de surfistas e outros deportes,… Tamén vimos de solicitar unha reunión coa subdelegada do Goberno para tratar este asunto”.

Cajoto engade: “estamos preocupados polo impacto que o proxecto poda ter e as súas consecuencias nunha ría que sufriu moitas alteracións ao longo do tempo. Unha solución dura, como o espigón que se contempla, non nos parece axeitada para un entorno de tanto valor paisaxístico e medioambiental como a praia do Altar e a ría de Foz. Por iso pedimos asesoramento a unha consultora especializada, que ten os coñecementos, medios e capacidades para estudar o proxecto e analizalo en profundidade. Esta é a nosa forma, responsable, de traballar”.

O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente e Mar, Francisco Fanego, explica: “debido á falta de coñecementos para poder posicionarme ante un proxecto desta magnitude, valoro moi positivamente todas as xuntanzas que se están a levar a cabo con Costas, coas asociacións, a que se vai levar a cabo coa Subdelegada do Goberno e tamén a comunicación fluída que se está a manter co goberno municipal de Barreiros. Por todo o que imos aprendendo entendo que non é o momento de darlle para diante a este proxecto. Aínda entendendo os graves problemas que padece a ría e a inminente necesidade de facer determinadas intervencións, defendo que se deben buscar alternativas  que conleven o mínimo impacto ambiental e buscando unha opción segura que non prexudique máis á ría e ao seu ecosistema, despois de todo o que xa se lle leva feito”.

BARREIROS

Pola súa banda, o Concello de Barreiros optou por solicitar unha reunión coa subdelegada do Goberno para falar de este proxecto, xa que expresou as súas dúbidas sobre o impacto do mesmo.

A alcaldesa de Barreiros, en nome do goberno municipal, trasladou á corporación municipal nunha comisión de asuntos do pleno as dúbidas e traballos realizados nas últimas semanas a respecto do proxecto publicado a primeiros de mes para a estabilización da praia de Altar, acordando a solicitude dunha xuntanza coa subdelegada do goberno na que lle expoñerán as conclusións acadadas.

Desde o goberno municipal manifestan que nestas semanas estiveron mantendo xuntanzas e conversas con distintos actores, tanto a nivel técnico como institucional, co fin de “facernos unha composición de lugar da solución proposta e as consecuencias futuras das decisións que se adopten.”

A alcaldesa asegura que a adopción dunha postura desde o Concello de Barreiros debe conxugar e poñer nunha balanza o resultado final da solución presentada e outras aspectos que desde a administración local tamén deben afrontarse. Polo tanto, “do que se trata é de valorar o resultado final en ponderación coas actuacións a realizar; sendo conscientes de que calquera opción que se escolla ten consecuencias sobre o conxunto do estuario e, en particular, sobre o areal de Altar, incluída a opción de non levar a cabo ningunha actuación”, explica.

Nas distintas conversas mantidas nestes días, trasladouse tanto por parte da Dirección Xeral de Costas como pola Subdelegación do Goberno, a total disposición a escoitar o sentir dos gobernos municipais; polo que analizadas as repercusións de todo tipo que podería ter seguir adiante coa solución presentada, acordouse solicitar á Subdelegación do Goberno unha xuntanza na que tamén participe o goberno de Foz para trasladarlle a consideración de estudar a aplicación doutras alternativas, sendo conscientes de que a solución mellor valorada tecnicamente no seu conxunto é a presentada no proxecto sometido a exposición pública neste momento.

En calquera caso, a alcaldesa manifesta que “a función das administracións públicas, entre outras, é a de presentar solucións globais aos problemas existentes, ponderando todas as variables e consecuencias das actuacións no entorno público.” Por esa razón, solicitarán a xuntanza coa subdelegada do goberno para trasladarlle a posibilidade de realizar novos estudos ou outras alternativas menos agresivas, aínda que deban realizarse con certa periodicidade.

A corporación de Barreiros, ao igual que o goberno municipal de Foz, asume a complexidade de dar solución a unha situación que se vén producindo desde hai décadas e na que existen unha importante diversidade de visións que deben conxugarse. Unha vez analizadas os distintos prismas e implicacións existentes, trasladarán que non consideran oportuno poñer en marcha neste momento a solución presentada pola Dirección Xeral de Costas; polo que trasladarán a oportunidade de realizar novos estudos sobre alternativas menos agresivas, aínda que poidan supoñer un resultado menos permanente no tempo.

A alcaldesa explicou que, tras varias xuntanzas para estudar o proxecto e ter recibido as explicacións técnicas oportunas, o goberno municipal optou por trasladar dita información ao grupo da oposición antes de realizar un posicionamento público. Ana Ermida explica que “se optou por este xeito de actuar por unha cuestión de responsabilidade e lealdade institucional: coa oposición, que representa unha parte importante da veciñanza e tamén con outros gobernos, como o do Concello de Foz ou o do Estado.”

 

0.11887407302856