Foz desprega un Entroido cheo de cor, música e participación veciñal ata o 20 de febreiro

Foz
AMariñaXa
O Concello presenta unha programación intensa con desfiles, bailes, citas infantís e máis de 8.000 euros en premios
PRESENTACIoN-DO-PROGRAMA-DO-ENTROIDO-DE-FOZ-2026
24 Jan 2026

O Concello de Foz vén de dar a coñecer a programación completa do Entroido 2026, unha das celebracións máis esperadas do calendario local, que se estenderá desde o 31 de xaneiro ata o 20 de febreiro cun amplo abano de propostas para todas as idades.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, subliñou que o Entroido é “un dos momentos do ano de maior actividade e ilusión para Foz”, especialmente para os grupos, comparsas e peñas que dedican meses á elaboración de traxes, carrozas e artiluxios que enchen as rúas de creatividade e humor. Neste sentido, anunciou que a partir da vindeira semana quedará habilitado na sede electrónica municipal o formulario de inscrición para participar no desfile. O prazo estará aberto ata o xoves 12 ás 14.00 horas e non se admitirán inscricións o propio día do desfile. Os grupos interesados no sorteo de postos deberán anotarse antes do luns 9 ás 14.00 horas, celebrándose o sorteo ese mesmo día ás 20.30 horas na Casa da Cultura.

A programación arrancará a próxima fin de semana coa tradicional coroación do rei do Entroido e das súas damas, nunha cea-baile que terá lugar na carpa da rúa Atalaia e para a que xa non quedan entradas dispoñibles. López Couto destacou o crecente interese por este acto, aínda que explicou que ampliar o aforo require modificacións importantes en materia de seguridade e loxística. Esa mesma mañá do día 31, as comparsas animarán as rúas durante os viños do mediodía.

O xoves 12 de febreiro, xoves de comadres, a comparsa As Farangullas será protagonista cunha exposición no CENIMA ás 20.00 horas e coa posterior cea de comadres na Sala Bahía, amenizada polo grupo Primera Línea. O venres 13, ás 20.00 horas, terá lugar o pregón a cargo das propias Farangullas, seguido do concurso de coplas na carpa da rúa Atalaia.

O sábado 14 vivirá o día grande do Entroido, cun chupinazo ás 10.00 horas e animación musical durante a mañá. Pola tarde, ás 16.30 horas, dará comezo o gran desfile, no que se repartirán máis de 8.000 euros en premios. A festa continuará pola noite cun baile a cargo de D’Cano e La Bamba, e a entrega de galardóns a partir da 1.30 horas. As entradas terán un prezo de 7 euros.

O domingo 15 estará dedicado aos máis pequenos, cun baile infantil desde as 17.00 horas na carpa, actividades lúdicas e a actuación de La Guagua. Os premios infantís entregaranse ás 19.30 horas e a xornada pecharase co Touporroutou no Colexio Martínez Otero.

O luns 16 celebrarase o tradicional Baile do Farolillo, cunha sesión infantil pola tarde e unha verbena nocturna para adultos. O martes 17 volverán as actividades infantís na carpa da rúa Atalaia. O Entroido despedirase o venres 20 coa saída da comitiva fúnebre e a tradicional queima.

Como en anos anteriores, haberá graderío na explanada portuaria. As entradas estarán á venda desde o luns 9 no CENIMA. O concelleiro de Xuventude, Ángel Fernández Neira, detallou os prezos, mentres que o alcalde, Fran Cajoto, agradeceu “o esforzo de todas as persoas e colectivos que fan posible que o Entroido de Foz siga sendo un referente”.

PROGRAMACIÓN

⚙ Configurar cookies
0.045370101928711