Foz dá a benvida ao Nadal con “O Nadal de Foz-Chan”, un percorrido lumínico protagonizado por Shin-Chan

Foz
AMariñaXa
O Concello e a ACIA propoñen un xogo familiar polo alumeado da vila, cun sorteo especial entre quen localice a todos os personaxes da serie xaponesa
FOZ-O-NADAL-DE-FOZ-SHIN-CHAN-2025
2 Dec 2025

O Concello de Foz, en colaboración coa ACIA, presenta unha proposta distinta e chea de humor para inaugurar a campaña de Nadal: un percorrido polo alumeado festivo no que Shin-Chan e a súa panda se converten nos protagonistas absolutos. A iniciativa, bautizada como O Nadal de Foz-Chan, transforma as rúas da vila nun pequeno Kasukabe no que as familias deberán atopar aos coñecidos personaxes da serie.

Segundo explica o alcalde, Fran Cajoto, a historia que acompaña esta actividade enlaza co espírito divertido do universo creado por Yoshito Usui: “Shinnosuke Nohara, de cinco anos, decidiu viaxar a Foz co seu clan para gozar do noso Nadal. O seu pai, Hiroshi, é un pouco despistado, así que seguramente haberá que botarlle unha man para reunir a toda a familia antes de volver ao Xapón”. Ao longo do percorrido estarán ocultos Shin-Chan, Misae, Hiroshi, Himawari, Nevado, Nené, Kazama, Masao e Boo-Chan, distribuídos entre diferentes espazos iluminados da vila.

Os participantes poderán recoller un tríptico nos establecementos da ACIA, no Concello, na Casa da Cultura e no Cenima. Nel deberán anotar a rúa ou o edificio onde localicen cada figura. Unha vez completado, o folleto poderá depositarse no buzón instalado na entrada do Concello. Entre todas as respostas correctas sortearanse agasallos que se entregarán durante a Cabalgata de Reis.

Cajoto destaca o carácter lúdico da proposta: “Shin-Chan forma parte das nosas lembranzas colectivas, das frases que todos repetimos. É unha honra que escollera Foz para as vacacións de Nadal”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Inés López Couto, lembra que o acendido oficial do alumeado terá lugar este venres, día 5, ás 18.30 horas, na Glorieta de Vilalba: “Agardámosvos para celebrar o inicio do Nadal, con música da Banda e da Escola de Música, sorpresas e moita ilusión”.

⚙ Configurar cookies
0.069411993026733