Foz dá a benvida á Semana Santa cos Bocadiños di Cardinale

Foz prepárase para recibir a Semana Santa cunha nova iniciativa culinaria organizada por Acia Foz-CCA. Trátase dos Bocadiños di Cardinale, unha cita gastronómica que terá lugar este venres e sábado, 27 e 28 de marzo, e na que participarán once establecementos hostaleiros da localidade.
O presidente de Acia Foz-CCA, José Carlos Paleo, destacou que “con esta proposta queremos dar a benvida á Semana Santa ofrecendo tapas inspiradas na cociña dos cardeais, con elaboracións coidadas e cheas de sabor”. Segundo explicou, a iniciativa busca dinamizar o sector e ofrecer unha experiencia atractiva tanto para a veciñanza como para as persoas que visiten o municipio nestas datas.
As degustacións poderán realizarse o venres pola noite e o sábado tanto ao mediodía como pola noite en diferentes locais asociados. Paleo animou á participación, sinalando que “é unha oportunidade para gozar da calidade da nosa hostalería e descubrir novas propostas”. Ademais, adiantou que a programación continuará durante toda a Semana Santa con novas actividades dirixidas ao comercio e á restauración.