Foz dá a benvida á primavera cun amplo programa cultural cheo de teatro, música e festas

O Concello de Foz vén de presentar a súa programación cultural de primavera, unha proposta extensa e variada que se desenvolverá entre os meses de marzo e xuño e na que o teatro e a música ocupan un lugar protagonista, sen esquecer as celebracións tradicionais e as actividades destinadas ao público infantil.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, destacou que “a primavera en Foz chega con sol, flores e moitos eventos culturais”, e avanzou que a programación arrinca este venres 6 de marzo coa representación de Un deus salvaxe, a cargo de Talía Teatro. A función terá lugar ás 20.30 horas na Sala Bahía e propón unha reflexión en clave de comedia sobre o encontro de dúas parellas que se reúnen para falar dun conflito entre os seus fillos.
O mes de marzo continuará cunha proposta formativa os días 14 e 15 coa Master Class Vento Metal e Banda, organizada pola Banda de Música de Foz, e seguirá o mércores 18 co teatro infantil O mundo ao revés, de Trémola Teatro, na Casa da Cultura. O día 22 chegará o teatro afeccionado a Nois con As promesas dos Galos, mentres que o sábado 28 a Basílica de San Martiño acollerá o tradicional Concerto Sacro da Banda de Música de Foz.
En abril intensifícase a actividade cultural. O día 9 haberá funcións escolares de A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica, de Tanxarina Teatro. O venres 10 e os sábados 18 e 25 celebrarase o 2º Certame de Teatro Plurilingüe, impulsado pola Asociación Pico do Castro, con representacións na Casa da Cultura. O sábado 11 terá lugar a Festa do Chícaro no porto de Foz, unha cita gastronómica xa consolidada.
A Biblioteca Pública converterase tamén nun dos epicentros da primavera cultural. O 16 de abril acollerá a narración oral Contacontos de maiores a pequenos, mentres que o 23 Alberto Serrantes presentará A Faba e Nós. O 22 haberá teatro infantil con Agasallo das árbores, de Cris de Caldas, e o 30 representarase Lázaro de Tormes, de Pata Teatro, con función escolar e sesión aberta ás 20.30 horas na Sala Bahía.
O 25 de abril a Praza Conde de Fontao será escenario do concerto Peque Son das Bandas Infantís, e xa en maio continuarán as actividades coa segunda sesión do Certame Plurilingüe o día 2. O 13 de maio haberá teatro infantil con Letras Galegas, e o 14 desenvolverase un obradoiro de adornos de primavera con libros na biblioteca.
A programación inclúe tamén a tradicional Romaría do Bispo Santo os días 15, 16 e 17 de maio, así como o concerto Letras Galegas da Banda de Música de Foz o sábado 16. En Nois celebraranse as Festas das Flores durante esa mesma fin de semana.
A actividade culminará en xuño co teatro infantil Se as árbores falasen, o día 4, e coa celebración do V Certame de Teatro Afeccionado, organizado polo Concello entre os días 5, 6, 7, 12, 13 e 14 de xuño na Casa da Cultura.
O alcalde, Fran Cajoto, subliñou que se trata dunha programación “variada e de calidade”, froito da colaboración entre o Concello e numerosas asociacións culturais do municipio. O rexedor amosouse orgulloso “dun Concello dinámico que ofrece propostas para todas as idades e gustos”, consolidando a primavera como unha das épocas máis activas no calendario cultural focense.