Foz convértese nun espazo de diálogo para repensar o turismo, o comercio e a sostibilidade dende unha óptica local

Foz
AMariñaXa
Un foro radiofónico en directo reunirá especialistas e cidadanía para explorar modelos de desenvolvemento respectuosos co medio e coa comunidade
Foz-PREPARACIoN-FORO-DE-EXPERTOS-2025
6 Jun 2025

O Concello de Foz, en colaboración con ONDA ODS, Radio Foz e a Asociación de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA), impulsará un foro pioneiro centrado na promoción de estratexias sostibles nos eidos do comercio, o turismo e a vivenda, tres piares fundamentais para o futuro das vilas costeiras.

A actividade, que se desenvolverá en formato de faladoiro radiofónico en directo, busca crear un espazo de encontro entre profesionais, institucións e veciñanza para reflexionar colectivamente sobre os retos e oportunidades do desenvolvemento local. As persoas asistentes non serán meras espectadoras: poderán intervir activamente nun coloquio no que se debullarán propostas de dinamización económica, innovación territorial e modelos turísticos que respecten o medio ambiente, a cultura e a identidade propia.

O foro forma parte da terceira edición do proxecto ONDA ODS Empeza por Ti, unha iniciativa de EMUGA que conta coa participación de asociacións homólogas en Andalucía, Catalunya e o ámbito estatal. A través desta colaboración, o proxecto chega a máis de 240 emisoras locais en toda España, converténdose nun altavoz colectivo para os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

A Axenda 2030 actuará como fío condutor do encontro, no que se analizarán accións concretas que se poden poñer en marcha dende o ámbito municipal para construír un modelo económico máis equilibrado e resiliente, sen perder de vista as necesidades reais da xente e os valores do territorio.

Segundo a organización, ONDA ODS achegará a súa traxectoria en procesos de dinamización social, comunicación participativa e divulgación dos ODS, contribuíndo a visibilizar as boas prácticas que se están a xerar nos espazos comunitarios. O evento aspira non só a ser un foro de debate, senón un motor de transformación local.

⚙ Configurar cookies
0.17475700378418