Foz convértese en punto de encontro para o kickboxing cunha xornada de sparring ao aire libre

Foz
AMariñaXa
O Campo da Cabana acollerá o sábado 17 de maio unha actividade organizada polo club Foz Contact Ari coa colaboración do Concello
Sparring-Day-de-Kickboxing-en-Foz-2025
8 May 2025

O kickboxing volverá ser protagonista en Foz cunha nova cita pensada para fomentar o adestramento conxunto e dar visibilidade a este deporte en auxe. Será o vindeiro sábado 17 de maio, nunha sesión matinal de Sparring Day que terá lugar no Campo da Cabana, un espazo aberto que ofrecerá un marco diferente e atractivo para a práctica desta disciplina.

A actividade está organizada polo club Foz Contact Ari, que conta coa colaboración do Concello de Foz, e está aberta ao público que desexe achegarse para coñecer de preto o mundo do kickboxing e desfrutar dun espectáculo deportivo en directo.

A elección do lugar non é casual. O Campo da Cabana, rodeado de natureza e con vistas privilexiadas, permitirá que a xornada de sparring se celebre nun ambiente próximo e distendido. Desde a organización destacan que esta iniciativa “quere achegar o kickboxing á xente, amosar que é un deporte que require disciplina, respecto e preparación física”.

Desde o goberno municipal destacan o valor destas propostas para dinamizar a vida deportiva e social do municipio. O concelleiro de Deportes, Ángel Fernández, anima á veciñanza e visitantes a “acercarse ao Campo da Cabana para gozar dunha mañá diferente”, e salienta que se trata dun evento especial por celebrarse ao aire libre “nunha contorna fermosa e pouco habitual para este tipo de encontros”.

O Concello agradece especialmente o labor da presidenta do club, Vanesa Ares, pola súa implicación e dedicación constante na promoción do kickboxing en Foz. Grazas ao traballo do club, esta disciplina está a gañar cada vez máis presenza e participación entre a mocidade local.

A cita do sábado será, ademais dunha oportunidade para practicar e compartir experiencias entre deportistas, un escaparate para seguir sementando afección e dar a coñecer os valores do kickboxing, unha práctica que mestura resistencia, técnica e compañeirismo.

⚙ Configurar cookies
0.073768138885498