Foz contará cun grupo de apoio para familiares que coidan de persoas maiores

Foz
AMariñaXa
A iniciativa, impulsada pola Asociación Cuiden Maiores e Coidadores, busca crear un espazo de acompañamento e intercambio de experiencias
1Asociación-Cuiden-maiores-e-coidadores
10 Mar 2026

A Asociación Cuiden Maiores e Coidadores porá en marcha en Foz un Grupo de Apoio Mutuo destinado a familiares que se encargan do coidado de persoas maiores no fogar. A proposta nace coa intención de ofrecer un lugar de encontro no que compartir vivencias, expresar inquietudes e atopar comprensión entre persoas que afrontan situacións semellantes no día a día.

A actividade comezará o martes 24 de marzo de 2026 e desenvolverase con carácter quincenal, en horario de 16:00 a 17:30 horas. Esta primeira edición formulase como unha experiencia piloto cunha duración aproximada de tres meses, durante os cales se celebrarán un total de seis sesións.

O grupo está pensado para familiares que coidan de persoas maiores, tanto no caso de que padezan demencia como se non presentan esta enfermidade. Para favorecer un clima de confianza e facilitar a participación de todas as persoas asistentes, o número de prazas será reducido.

O principal obxectivo da iniciativa é ofrecer un espazo seguro no que os coidadores poidan falar abertamente da súa experiencia, compartir preocupacións e sentirse acompañados por outras persoas que tamén viven a responsabilidade de coidar dun familiar.

Desde a Asociación Cuiden Maiores e Coidadores destacan a importancia de atender tamén á realidade dos coidadores. Segundo explican, o benestar das persoas maiores está estreitamente ligado á situación de quen as atende diariamente.

“Moitas persoas dedican anos a coidar dos seus maiores con gran compromiso e responsabilidade, pero tamén experimentan momentos de cansazo, illamento ou falta de recoñecemento social. Con este grupo queremos ofrecerlles un espazo onde poidan sentirse escoitadas e apoiadas”, sinalan desde a entidade.

A posta en marcha desta iniciativa conta coa colaboración do Concello de Foz e de Decibel Audiología de Meira.

A participación será gratuíta, aínda que o número de prazas estará limitado a un máximo de 12 persoas, polo que será necesario realizar inscrición previa. As persoas interesadas poden solicitar máis información ou reservar praza chamando ao teléfono 644 032 222.

0.11605405807495