Foz conta cun proxecto sobre as fontes e mananciais do concello
O Concello de Foz vén de poñer en marcha un novo proxecto sobre as fontes e mananciais do concello. Unha aposta polo turismo sostible e diferente do de verán e praia.
"Poñemos en marcha un novo proxecto turístico-ambiental denominado Fontes e Mananciais de Foz, unha iniciativa que busca dar vida a estes espazos naturais e integrar o seu valor histórico e ambiental en rutas turísticas", din desde o Goberno local.
Prologado polo cronista oficial, o proxecto aposta por destacar e preservar as fontes e mananciais da zona, fomentando o coidado e respecto por estes enclaves únicos. Como complemento, desenvolverase unha páxina web interactiva, onde se ofrecerá información detallada sobre cada localización, xunto coa posibilidade de seguir as rutas a través dunha aplicación móbil equipada con sistema de xeoposicionamento.
Este proxecto é un exemplo de como a tecnoloxía pode ser utilizada para preservar o noso patrimonio natural e cultural, facéndoo máis accesible e atractivo para quen busca experiencias de turismo sostible.
"Este concello é rico en fontes, moitas descoñecidas polo público en xeral e outras ben coñecidas, como a famosa Fonte da Zapata, creada milagrosamente polo bispo San Gonzalo para acabar coa seca que reinaba na contorna", di o cronista oficial do Concello, "tamén existen fontes que dan nome a lugares ou fontes que se empregaban para deslindar propiedades".
Así, o cronista engade que "mais, de pouco serve buscar referencias toponímicas relativas a ríos, regatos, mananciais ou fontes se non somos capaces de conservalas e de difundilas".
Pódese consultar a web de Fontes e mananciais aquí.