Foz conta as horas para a XII Festa Normanda
Foz conta as horas para celebrar a XII Festa Normanda de Foz e as diferentes actividades que se desenvolverán durante toda a fin de semana. A cita de recuperación da memoria histórica, organizada pola Asociación Desembarco Normando, celebrarase dende este xoves e ata o domingo, e conta coa colaboración do Concello e da Deputación de Lugo.
O programa comeza o xoves ás 19.00 horas coa apertura do mercado. Posteriormente, haberá pasacalles a cargo de Ritmo Trouleiro. O programa continúa o venres 30 coa inauguración do mercado ás 12.00 e pasacalles a partir das 20.00. O pregón será ás 21.00 a cargo de Roberto Gómez Lende para dar paso a unha representación teatral da Lenda de San Gonzalo e o nomeamento do Focego Maior. A partir das 22.00 horas haberá pasacalles polo mercado. O sábado o mercado abrirá o mercado ás 11.00.
A partir das 13.00 horas terá lugar a formación das tropas normandas e combates no campamento. Lupsala actuará ás 13.30 na praia de Tupide. Os asistentes poderán desfrutar da gran representación do ataque normando á vila a partir das 14.00 horas. Pola tarde haberá unha ludoteca infantil de balde na Casa do Mar ata as 20.30 horas e tamén organizan xogos populares na explanada con carreiras de sacos, de pipos e lanzamento de alpaca.
De novo programan pasacalles polo mercado e música e animación a partir das 22.00 horas na explanada do porto con Babada Joe. Xa ás 23.30 horas terá lugar a preparación do campamento e ritual de celebración do funeral normando, seguido de procesión do campamento á praia de Tupide e do concerto de Upsala. Rematan a xornada ás 00.00 horas con funeral normando e espectáculo con lume e pirotecnia na praia. O domingo terá lugar a última xornada de mercado e o desembarco infantil no campamento pola tarde.