Foz conmemora o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo cunha xornada formativa

Foz
AMariñaXa
A actividade, organizada por dúas nais focenses, contará con profesionais do sector educativo e sanitario para visibilizar a neurodiverxencia
XORNADA-SOBRE-O-AUTISMO-EN-FOZ-2026
20 Mar 2026

O Cenima de Foz acollerá o xoves 2 de abril, desde as 10:00 horas, unha xornada especial dedicada á concienciación sobre o autismo, coincidindo co Día Mundial desta condición. A iniciativa foi promovida por dúas nais da localidade, Eva Fernández Rivas e Eva Rubiños López, que queren poñer en valor a importancia de visibilizar e comprender esta neurodiverxencia. Segundo explican, “formamos parte dunha sociedade cada vez máis plural, onde todos somos importantes e válidos, e buscamos darlle visibilidade a unha parte da poboación que se esforza cada día por encaixar”.

O programa da xornada inclúe intervencións de profesionais especializados, entre eles as terapeutas ocupacionais María Joao Pereira e Ángela Monelos, as logopedas Sara Vázquez e Yanira Aldariz, así como Cristina Cao, mestra especialista en audición e linguaxe. A sesión ofrecerá información práctica e estratexias útiles para abordar, apoiar e entender mellor ás persoas con autismo.

Ás 12:30 horas, os asistentes e relatores farán unha pausa para cafés e petiscos, facilitando o intercambio de experiencias e o debate sobre boas prácticas.

Esta iniciativa conta coa colaboración do Concello de Foz, e a concelleira de Sanidade, Kathy Navarro, destacou a relevancia da xornada: “pareceunos de interese colaborar nesta actividade que dá visibilidade a un trastorno que afecta a unha de cada 100 persoas”.

A xornada representa unha oportunidade para promover a inclusión, mellorar a comprensión social do autismo e ofrecer ferramentas que permitan apoiar de maneira eficaz ás persoas neurodivergentes e ás súas familias.

0.11789011955261