Foz conmemora o 40 aniversario do desfile de Entroido cun documental
O Concello de Foz está a levar a cabo a realización dun documental no que se recolle a historia do carnaval na localidade, coincidindo coa celebración do 40 aniversario do seu desfile.
Este documental, que se estreará o vindeiro 20 de febreiro, una semana antes do desfile do Entroido 2022, é unha das actividades programadas para a edición especial deste ano, que conta con outras novidades que o concello está a perfilar con detalle.
Este vídeo documental significa unha viaxe polo tempo desde o século XIX ata a actualidade, contemplando as distintas celebracións do entroido na localidade, pasando pola postguerra, ditadura, chegada da democracia e sobre todo a celebración do ano 1982, data na que tivo lugar o primeiro desfile polas rúas da vila.
Mais de 30 persoas de tódalas idades participan nas entrevistas que se están gravando nas instalacións do Cenima, nun plató deseñado pola empresa Arracada Produccións, que se encarga da realización do audiovisual.
O documental contará tamén con imaxes históricas e testemuñas dos primeiros participantes, así como unha representación de tódolos grupos, peñas e comparsas que participan no Entroido focense na actualidade.