Foz celebrará o seu Samaín con xogos, música, maxia e moitas cabazas

Foz
AMariñaXa
A Sala Bahía acollerá o 1 de novembro unha gran festa infantil e unha “noite tenebrosa” con discomóbil e concurso de cabazas
samain-sarria-portada
19 Oct 2025

O Concello de Foz prepárase para vivir unha das citas máis esperadas do outono: a celebración do Samaín, unha festa chea de maxia, música e diversión para todas as idades que terá lugar o 1 de novembro na Sala Bahía.

A programación arrancará pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas, cunha festa infantil pensada para as familias e especialmente para a rapazada. Haberá pintacaras, xogos populares, animación musical, inchables, globoflexia e un escape room temático, ademais da actuación especial do coñecido artista Peter Punk, que promete encher o espazo de humor e fantasía.

Un dos momentos máis esperados será o concurso de cabazas, no que se premiará a orixinalidade e a creatividade das propostas presentadas. Desde a organización anímase a todas as nenas, nenos e maiores a participar e levar a súa cabaza decorada.

Xa pola noite, a partir das 23:30 horas, a diversión continuará coa “Noite Tenebrosa”, unha cita musical coa discomóbil Conxuro, que converterá a Sala Bahía nun espazo cheo de ritmo e ambiente festivo para o público adulto.

A actividade está organizada pola Asociación Cultural Ruxe Ruxe, coa colaboración do Concello de Foz e da Deputación de Lugo, a través da súa área de Cultura. Desde a entidade destacan que o obxectivo é “manter viva unha tradición galega que combina celebración, humor e creatividade, implicando á veciñanza e fomentando o espírito comunitario”.

As entradas teñen un prezo simbólico de 6 euros para nenos e 2 euros para adultos, e poden adquirirse o propio día da festa ata completar aforo.

⚙ Configurar cookies
0.08099102973938