Foz celebrará as Festas do Carme os vindeiros 14, 15, 16 e 17 de xullo
Foz estará de festa os vindeiros 14, 15, 16 e 17 de xullo no que se celebrará a tradicional Festas do Carme, "que son un referente na vila mariñá", explicaba o alcalde de Foz, Fran Cajoto Caserío.
Ás múltiples actividades que se organizaron durante os dous últimos anos de pandemia, respectando as restricións, vanse sumando novos eventos e outros que volven ao calendario habitual do verán focego. Neste caso as Festas do Carme, que son un referente na vila mariñá e que axuntan sentimento, familia e as ganas de xuntarse e compartir. Este ano a comisión e o Concello queren render unha homenaxe ás redeiras, cun cartaz que amosa o seu traballo, silencioso e indispensable no mundo do mar. Así mesmo cúmprense 40 anos dunhas alfombras florais que homenaxean un sentimento á honra da Virxe do Carme e que tinguen de colorido as rúas de Foz. Todo isto e moito máis estase preparando en Foz para os vindeiros 14, 15, 16 e 17 de xullo, que serán os días da festa máis querida para @s foceg@s”.
Dende a comisión anuncian que “en vindeiros días sairá o cartel completo, cun amplo número de actividades, orquestras e as ganas de retomar unha normalidade completa que botabamos de menos” explica Ángel Fernández Neira.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, móstrase “contento de que volvan as festas, eses momentos de reunión e alegría que todos necesitamos despois dun longo inverno. Agradecemos a implicación da comisión de festas e de todos aqueles veciños que aportan o seu gran de área ás festas do Carme, dende a preparación e realización das alfombras, pasando pola procesión (na que organización recae sobre a Confraría da Virxe do Carme) ata calquera pequena colaboración que se aporte a esta celebración.”
Inés López Couto, concelleira de Cultura, sinala que “o cartel deste ano fainos estar especialmente orgullosos, xa que representa unha das indispensables figuras femininas no mundo do mar historicamente, e que se representa nesta preciosa foto dun histórico e marítimo Foz.”