Foz celebrará a XXI edición da Festa do Berberecho o día 15
Foz celebrará a vixésima primeira edición da Festa do Berberecho o día 15 de abril no peirao e contarán con actuacións musicais para animar esta cita da exaltación do berberecho.
A xornada festiva comezará ás 11.00 horas coa actuación musical dos grupos tradicionais A Subela e O Feitizo, que dará paso ao programa especial de Radio Foz.
Xa ás 12.00 horas será a apertura da carpa e o pregón a cargo de Martín Fernández Vizoso, xornalista, escritor e autor da serie semanal Memoria de mariñáns. Este acto estará acompañado pola actuación do grupo Mar Aberto.
Ás 13.00 horas haberá unha degustación de berberechos e mexillóns en varias modalidades. A partir das 20.00 horas tamén haberá unha degutación nos locais de hostalaría que continuará ata o domingo 16. Á noite, o Combo Dominicano, o discomóbil Conxuro e David Éxposito.
Por outra banda, o xoves 13 no Cenima haberá unha charla de Xesús Basanta sobre a Interpretación da toponimia desde a ría de Foz ata o Cu do Castro.