Foz celebrará a undécima Xuntanza de Pepes e Pepas o vindeiro 21 de marzo

A vila de Foz acollerá o próximo sábado 21 de marzo unha nova edición da tradicional Xuntanza de Pepes e Pepas, unha cita que cada ano reúne a persoas que comparten este popular nome nun ambiente festivo e de convivencia. O encontro alcanzará nesta ocasión a súa undécima edición e comezará ás 14:30 horas cunha comida no restaurante Xoíña.
A organización deste ano corre a cargo de María José Fega e María José Villarino, que se encargan de coordinar os preparativos dunha celebración que xa se converteu nunha pequena tradición dentro do calendario social do municipio.
Esta peculiar reunión naceu hai anos por iniciativa de José Ramón Vila, quen impulsou a idea de reunir nun mesmo evento a persoas chamadas José, Josefa, Pepe ou Pepita. Desde entón, a celebración foi gañando continuidade e cada edición celébrase nun establecemento hostaleiro diferente da localidade.
A maior parte das persoas asistentes proceden do propio municipio focego, aínda que é habitual que tamén participen veciños e veciñas doutras localidades da comarca da Mariña que comparten estes nomes.
Ademais da comida de confraternidade, a organización adianta que durante a xornada haberá sorpresas e agasallos para as persoas participantes, co obxectivo de facer do encontro un momento de lecer e celebración.
O prezo da participación será de 45 euros por persoa e, para poder asistir, é necesario realizar inscrición previa a través dos teléfonos 610 44 35 56 ou 699 314 409.