Foz celebra un ciclo de charlas de saúde durante o mes de novembro

O Concello de Foz organiza, como é tradición cada novembro, un ciclo de charlas sobre saúde destinadas a achegar información práctica e de interese á veciñanza. As sesións desenvolveranse os xoves 6, 13 e 20 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura.
A concelleira de Sanidade, Kathy Navarro, destacou que “a primeira charla será o xoves día 6 e será impartida por Lorena Legaspi Rodríguez, neuroloxopeda no Hospital Ribera Polusa, quen abordará o tema da logopedia no dano cerebral adquirido”.
A continuación, o xoves 13, Nélida Fernández Fernández, xeriatra no Hospital Público da Mariña, falará sobre a prevención de caídas como ferramenta para manter a independencia. O ciclo pecharase o día 20 co tema “Trastornos do sono”, a cargo de Gonzalo Gutiérrez Vázquez, psiquiatra na Unidade de Saúde Mental de Burela.
“Con estas charlas achegamos información sobre os temas de saúde máis actuais e poñemos en valor o traballo dos profesionais que exercen na zona”, rematou a concelleira.