Foz celebra un agosto cheo de vida coas festas de San Lourenzo como eixo central

Foz
AMariñaXa
O Concello programa máis dun mes de actividades culturais, deportivas e musicais para todos os públicos, co San Lourenzo como prato forte e os fogos artificiais como símbolo do verán mariñán
Foz-presentacion-festas-san-lourenzo-2025
31 Jul 2025

O Concello de Foz vén de presentar o cartel das festas do San Lourenzo, declaradas de interese turístico galego, e faino cunha proposta que vai máis alá da celebración relixiosa e festiva. Agosto chega cargado de programación para todos os gustos: música, teatro, deporte, gastronomía, festas temáticas e propostas familiares que converterán Foz nun referente turístico durante todo o mes.

“O verán é para vivilo e en Foz temos actividades para todo o mundo: natureza, mar, gastronomía, cultura e deporte”, sinala o alcalde, Fran Cajoto, quen anima a veciñanza e visitantes a gozar da ampla oferta deseñada polo Concello.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, destacou que este mes está "cheo de actividade", dende festas como O Carme de Nois ou a Festa Hawaiana, ata grandes eventos coma a Festa Normanda. “Foz é un pobo onde sempre hai algo que facer, o teatro acompáñanos todos os martes no Campo da Cabana, temos o Festival Bal y Gay, a Feira do Libro e tamén propostas innovadoras como o Interactive Supergrid na Rapadoira”, indicou.

O concelleiro de Deportes e Xuventude, Ángel Fernández Neira, lembrou que tamén haberá espazo para a actividade física coas Noites Alternativas de fútbol e volei praia na Rapadoira, ademais do torneo 3x3 de baloncesto, o wipe out no Campo da Cabana ou a Festa Acuática na praia de Tupide.

O San Lourenzo, do 8 ao 11 de agosto, será o prato forte da axenda. As festas comezarán o día 8, ás 20:30 horas na praza Rosalía de Castro, co pregón a cargo de Juan Carlos Fernández Pulpeiro, xornalista e escritor nado en Foz. A música chegará da man do grupo Toxo Guayaba, seguido da orquestra Salsarena, que celebra o seu décimo aniversario, e da disco móbil Infinity, na explanada portuaria.

O día 9 celebrarase o XXXVI Trofeo Vila de Foz ás 12:00 horas no estadio Martínez Otero, co encontro entre a Cultural Leonesa e o CD Lugo. Ao mediodía, haberá sesión vermú coa orquestra Suavecito, que repetirá pola noite xunto ao grupo Clan Zero.

O sábado 10, día grande do patrón, incluirá misa solemne e procesión ás 12:00 horas con acompañamento da banda A Subela, e sesión vermú con orquestra Sinfonía. Pola noite, o grupo Nostalgia, de Vigo, actuará na praza Conde de Fontao. Os tradicionais fogos de artificio, símbolo emocional do verán en Foz, estourarán ás 23:59 no paseo de Laredo. A noite continuará coa verbena das orquestras Sinfonía e Costa Dorada.

O luns 11 será o peche da festa coa actuación do grupo Arizona, a partir das 22:30 horas.

O cartel oficial do San Lourenzo deste ano parte dunha fotografía do arquivo municipal, pertencente ao fondo de Foto Celta, recuperada por Vicente Fernández Muñiz.

Para o alcalde, os fogos son “a imaxe do verán na Mariña” e aproveita para convidar a toda a xente a “vivir Foz e desfrutalo. Desexámoslles a veciños e visitantes unhas boas festas e un magnífico verán”.

Toda a programación pode consultarse na web oficial do Concello, redes sociais e dependencias municipais.

⚙ Configurar cookies
0.15836215019226