Foz celebra o chícaro cunha festa gastronómica chea de sabor e tradición

Foz
AMariñaXa
A XXIV Festa do Berberecho reunirá o 11 de abril degustacións, música e a implicación do alumnado da Escola de Hostalería
280326-PRESENTACIÓN-XXIV-FESTA-DO-BERBERECHO-EN-FOZ
28 Mar 2026

O Concello de Foz presentou a programación e o cartel dunha das citas máis representativas do seu calendario gastronómico: a XXIV Festa do Berberecho, coñecido na localidade como chícaro. O evento terá lugar o vindeiro 11 de abril e volverá converter a vila nun punto de encontro para amantes da gastronomía mariñeira, combinando produto local, música e tradición.

Na presentación participaron representantes institucionais e do tecido social, entre eles a directora do IES de Foz, Leticia Maseda; o presidente da ACIA, José Carlos Paleo; o alcalde, Fran Cajoto, e a concelleira de Cultura, Inés López Couto. Durante o acto, a edil puxo en valor o papel fundamental da Escola de Hostalería do instituto, destacando que o alumnado será o encargado de preparar as elaboracións que se ofrecerán na festa. “É un orgullo para Foz contar co traballo do noso alumnado, que eleva o produto local a un nivel de excelencia”, sinalou, avanzando ademais que nesta edición haberá novas propostas culinarias tras o éxito acadado o pasado ano con receitas innovadoras.

A xornada festiva arrancará ás 12.00 horas co pregón, que nesta ocasión correrá a cargo de Xesús Basanta Martínez, coñecido como Xesús do Breogán, recoñecido polo seu labor de investigación sobre a historia, a toponimia e as tradicións locais. A continuación, a programación continuará cunha mostra de música e baile tradicional coa participación dos grupos O Feitizo e A Subela, así como coa actuación de Mar Aberto.

A sesión vermú estará amenizada pola orquestra Primera Línea, mentres que na carpa instalada para a ocasión se servirán racións de chícaros e mexillóns entre as 13.00 e as 17.00 horas. Pola noite, a festa continuará cunha proposta musical centrada nos tributos, coa actuación de El último burro e La disquetera, para rematar cunha sesión a cargo de Dj Litainer.

Ademais da programación central, a celebración estenderase tamén á hostalería local, que durante toda a fin de semana ofrecerá distintas elaboracións con chícaros e mexillóns, contribuíndo a espallar o ambiente festivo por todo o municipio.

Pola súa banda, o alcalde animou á veciñanza e aos visitantes a participar nesta cita e a desfrutar do produto estrela da vila. Así mesmo, quixo agradecer a colaboración de todas as persoas e entidades implicadas, desde o pregoeiro ata o IES de Foz, pasando pola ACIA e os establecementos hostaleiros, que fan posible que esta festa continúe medrando e consolidándose como un referente gastronómico na Mariña lucense.

PROGRAMA

0.14279007911682