Foz celebra o 1 de marzo a súa tradicional xuntanza anual das persoas maiores

O Concello de Foz celebrará o vindeiro domingo, 1 de marzo, a súa tradicional xuntanza anual das persoas maiores, unha cita xa consolidada no calendario municipal que terá lugar na carpa instalada na rúa Atalaia. O encontro, organizado desde a delegación de Servizos Sociais, está dirixido ás persoas empadroadas no municipio e contará cun espazo acondicionado para garantir a comodidade e accesibilidade das persoas asistentes.
A concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, anunciou que “o Concello de Foz organiza un ano máis esta tan esperada xuntanza dos nosos maiores, unha cita especial que preparamos con moita ilusión”. A edil destacou que a carpa contará con calefacción, baños diferenciados e adaptados para persoas con mobilidade reducida, así como accesos libres de barreiras arquitectónicas.
A programación dará comezo ás 13.30 horas cunha sesión vermú amenizada con música en directo polo dúo Venus, á que seguirá un xantar servido polo catering Chao de Brea. O menú incluirá empanada de bonito, callos, costela asada ao forno con guarnición e patacas fritidas, ademais de pan, bebidas variadas, café, chupito e un doce elaborado no obradoiro da pastelería Anduriña de Foz. Haberá tamén menús adaptados para persoas con intolerancias, alerxias alimentarias ou dietas baixo prescrición médica.
Tras o xantar, a xornada continuará con sorteos, a entrega de agasallos á dona e ao cabaleiro de maior idade e unha tarde de baile con música en directo. Ana Rojo subliñou que “esta xuntanza é unha celebración cada ano máis consolidada, cun incremento notable no número de participantes”, e explicou que o obxectivo do Concello é “reforzar os lazos entre a poboación sénior de todas as parroquias e poñer en valor o papel fundamental das persoas maiores na historia e no desenvolvemento do municipio”.
A concelleira fixo tamén unha mención especial ás mulleres focegas, ás que definiu como “piar esencial da economía local, combinando durante décadas o traballo produtivo coa xestión do fogar e o coidado da familia”. “Por todo isto organizamos e coidamos cada detalle deste evento pensando nos verdadeiros protagonistas, os nosos maiores”, concluíu.
O aforo é limitado e as tarxetas de invitación poden recollerse no departamento de Servizos Sociais do Concello ata o día 25 de febreiro. O teléfono de contacto é o 982 13 35 66.