Foz celebra dende mañá unha nova edición da Ruta das Tapas
Do 1 ao 3 de abril celebrarase en Foz a 17ª Ruta das Tapas, que este ano se enmarca nas Xornadas Gastronómicas imPULSA Foz, que organiza o Concello coa colaboración de AciaFozCCA.
O presidente do CCA focense, José Carlos Paleo, sinala que “chegamos a unha nova edición da clásica Ruta das Tapas de Foz, que será diferente debido á situación sanitaria que estamos a vivir. O ano pasado non puido celebrarse, pero neste 2021 son un total de 17 locais, socios e non socios de AciaFozCCA, os que ofrecerán as súas propostas gastronómicas en miniatura desde o xoves ata o sábado”.
Os participantes son: A Cancela, Cafetería Llas, Centro Social Cangas, Costumes do Mar, O Paseo, O Taco, Rincón do Mis, San Miguel, Teleclub Vilaronte, Restaurante Dandy, Bar 78, Tangarte, Mayros, Xoyma, Anduriña e A Rambla.
Paleo indica que “estamos diante dunha alternativa atractiva para as veciñas e veciños de Foz, do resto da comarca da Mariña e para todas as galegas e os galegos que estes elixen esta zona para pasar a Semana Santa, sempre cumprindo coa normativa sanitaria en vigor en cada momento, respectando os aforos, a distancia de seguridade, os horarios de peche, etc”.
XORNADAS GASTRONÓMICAS
Esta mañá celebrouse en Radio Foz o segundo sorteo de dez vales de 50 euros cada un para gastar no comercio e na hostalería local focense que se enmarca nas Xornadas Gastronómicas imPULSA Foz, que a pasada fin de semana estiveron dedicadas á faba de Lourenzá. Os gañadores destes vales son: Noelia Pérez, Tito Teijeiro, Irene Fernández, María José Herranz, Pablo López, Jesús Martínez, José García, Rafa Reigosa, Ana María Álvarez y Ramón Gómez.
Ao sorteo celebrado hoxe asistiron o concelleiro de Comercio, Chema Linares, e a xerente de AciaFozCCA, Ana Segade, que se porá en contacto cos premiados para entregarlles os vales.
As Xornadas Gastronómicas imPULSA Foz son organizadas polo Concello en colaboración con AciaFozCCA. O edil de Comercio destacou que “houbo unha gran participación, tanto de establecementos, un total de 42, como de clientes; proba disto é que para o sorteo había unha gran cantidade de papeletas. As xornadas da pasada fin de semana tiveron moi boa acollida, como esperamos tamén para as das tapas, que se celebran desde mañá, xoves, ata o sábado. Nesta ocasión serán preparacións máis elaboradas e polo tanto o prezo será de 2 euros”.
Chema Linares engadiu que esta iniciativa “está tendo bastante éxito, froito da colaboración entre a ACIA e o Concello, dentro da campaña imPULSA Foz para o comercio e a hostalería”.