Foz celebra a primeira edición dos Cantos de Taberna o 27 de setembro

Foz
AMariñaXa
A música tradicional soará desde as oito da tarde en diferentes locais hostaleiros da vila
cantos-de-taberna-xenerica
25 Sep 2025

Foz converterase o sábado 27 de setembro de 2025 nun punto de encontro coa música popular grazas á primeira edición dos Cantos de Taberna, unha cita organizada pola asociación Os Retrouso da Subela en colaboración co Concello de Foz.

A partir das 20:00 horas, varios grupos animarán as rúas e tabernas do municipio co seu repertorio de cantos tradicionais. Entre os participantes atópanse Mar Aberto, de Foz; Espera que vou mexar, procedentes de Viveiro; e Os Retrouso da Subela, tamén de Foz, que actuarán como anfitrións desta xornada festiva.

Os Cantos de Taberna espallaranse por diferentes establecementos hostaleiros, nos que se respirará un ambiente de confraternidade e alegría. Nesta primeira edición colaboran a Cafetería Express, a Cafetería Xoyma, o Bar O Chícaro e o Restaurante Portochico, espazos onde a clientela poderá gozar da música mentres comparte cea, viños ou tapas.

A iniciativa pretende recuperar o espírito máis auténtico da tradición oral galega, aquel que nacía arredor das mesas e copas, e que se mantén vivo grazas a propostas que combinan cultura e lecer.

⚙ Configurar cookies
0.10339093208313