Foz celebra a primavera dos libros con teatro, contacontos e música

Foz
AMariñaXa
A biblioteca Salgado Toimil acolle unha ampla programación cultural en abril e maio para conmemorar o Día do Libro e das Letras Galegas
Foz-INeS-LoPEZ-COUTO-PRESENTA-AS-ACTIVIDADES-DO-CONCELLO-DE-FOZ-PARA-ABRIL-E-MAIO
4 Apr 2025

A Biblioteca Municipal Salgado Toimil de Foz converterase no epicentro cultural da vila durante os meses de abril e maio, cunha programación repleta de actividades para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil, o Día do Libro e as Letras Galegas.

Os eventos arrancaron o mércores 2 de abril cun obradoiro de monicreques na biblioteca, seguido do contacontos "Contos para caghar patatillas", de Brais das Hortas, que terá lugar este venres 4 no salón de actos da Casa da Cultura ás 18:30 horas, dirixido a público familiar.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, destacou a importancia desta iniciativa: "Comezamos uns meses cargados de actividades previas ao verán, que en Foz é único. Agradecemos a colaboración das asociacións locais, pois a cultura dun pobo enriquécese coa implicación da súa xente".

Outro dos grandes atractivos será o I Certame Plurilingüe de Teatro Afeccionado de Foz, que se celebrará na Sala Bahía os sábados 5, 12 e 19 de abril ás 18:30 horas. O público poderá desfrutar das obras "A pesar de todo, hermanas", "A casa das migalhas" e "Vaise pechar outra casa máis".

As actividades na Casa da Cultura continuarán con novas sesións de contacontos, teatro e obradoiros os días 11 e 25 de abril e 9 e 16 de maio. Entre os espectáculos previstos destacan "Sabela e o páxaro máxico" de Sarabela (11 de abril ás 18:30 horas), "As alumnas" (25 de abril ás 20:30 horas), "Carmen, a cantareira da aldea" (9 de maio) e un obradoiro de lettering baseado no cancioneiro popular galego (16 de maio ás 18:30 horas).

Ademais, a biblioteca municipal continúa co seu programa de visitas escolares aberto a todos os centros educativos e informará proximamente sobre os prazos do certame de narración oral e debuxo infantil da Biblioteca Pública de Lugo, no que Foz participa activamente. Tamén se poderá visitar unha mostra bibliográfica dedicada ás homenaxeadas no Día das Letras Galegas: as cantareiras e a poesía popular.

A música tamén terá un papel destacado nesta programación cultural. O 12 de abril ás 19:30 horas, a Basílica de San Martiño acollerá un concerto sacro a cargo da Banda de Música de Foz e a Coral Polifónica de Foz. Ademais, o 22 de abril ás 19:00 horas presentarase na biblioteca o libro "Piel de naranja", nun acto organizado en colaboración coa UNED de Foz. Para rematar abril con bo sabor de boca, o día 26 celebrarase a Festa do Berberecho, da que se coñecerán máis detalles proximamente.

0.16859912872314