Foz camiña para consolidarse como centro comarcal de exames de conducir

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, mantivo unha xuntanza co Xefe Provincial de Tráfico de Lugo, Alberto Rodríguez Fernández, e representantes da Asociación de Autoescolas de Lugo para avanzar nun convenio que permitirá realizar exames teóricos de conducir no propio municipio de forma informatizada.
“O noso obxectivo é que Foz se consolide como un punto de referencia para a obtención dos permisos de condución, evitando desprazamentos innecesarios a Lugo”, explicou o rexedor, que presentará proximamente á corporación o borrador do acordo.
O documento prevé que a Xefatura de Tráfico realice polo menos unha convocatoria mensual de exames nunha aula municipal equipada cos medios informáticos necesarios, asumindo así o novo modelo dixital implantado pola Dirección Xeral de Tráfico. Isto permitirá que os aspirantes coñezan os resultados de forma inmediata, o que supón unha mellora substancial no servizo.
Desde a Asociación de Autoescolas, Mónica Pérez e José Soto agradeceron a implicación do Concello e destacaron que este servizo beneficiará a toda a Mariña lucense. “É un paso adiante moi positivo, non só para Foz senón para toda a comarca”, sinalaron.
Na reunión tamén se abordaron futuras colaboracións, como o uso das instalacións de seguridade viaria do peirao para actividades formativas, así como campañas de concienciación sobre os riscos do consumo de alcohol e drogas ao volante.