Foz avanza na construción da nova EDAR de Forxán, unha infraestrutura chave para a ría

Foz
AMariñaXa
A obra, cun investimento de 14,2 millóns de euros cofinanciados pola Unión Europea e Augas de Galicia, estará rematada en 2026
Foz-nova-depuradora-Forrxan-2025-alcalde
29 Oct 2025

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, xunto a membros do goberno local e representantes da corporación municipal, acompañou este mércores á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, ao director de Augas de Galicia, Roi Fernández, ao delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e á parlamentaria autonómica Lara Méndez, nunha visita ás obras da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Forxán. No percorrido tamén participaron técnicos e responsables da dirección de obra e das empresas construtoras encargadas da execución dos traballos.

A visita serviu para poñer en valor o avance desta infraestrutura, que supón un investimento total de 14,2 millóns de euros, financiados nun 80% con fondos europeos FEDER e nun 20% con fondos propios de Augas de Galicia. Segundo indicaron os técnicos, a finalización da obra está prevista para o ano 2026.

O alcalde, Fran Cajoto, explicou que actualmente están concluídas as canalizacións de impulsión desde o peirao de Foz e en execución tanto o tanque de tormentas do porto como as instalacións da nova depuradora en Forxán. Quedan por iniciar o tanque de tormentas da praia de Llas, que evitará vertidos nesta zona, e o novo colector de desaugue, que se afastará da costa uns 500 metros.

“Máis alá dos números, este é un proxecto colectivo, de todos”, subliñou Cajoto. “É unha obra de gran complexidade e de enorme relevancia ambiental, porque permitirá coidar e manter limpa a nosa ría, unha zona de alto valor natural e paisaxístico, declarada LIC e ZEPA. Trátase dunha infraestrutura que traspasa mandatos electorais e que obriga a traballar de forma conxunta, goberne quen goberne”, engadiu o rexedor.

Cajoto lembrou que a nova EDAR é froito dun proceso longo, iniciado xa en 2008, cando o entón alcalde José María García Rivera presentou o primeiro proxecto en Peizás. En 2016, Javier Jorge Castiñeira asinou o convenio de construción, orzamentado en 8 millóns de euros e cun prazo de finalización previsto para 2020. En 2022, o actual goberno municipal adxudicou a redacción do novo proxecto construtivo, e en abril de 2024 comezaron as obras tras a expropiación dos terreos en xullo de 2023.

“O ciclo integral da auga é prioritario para o noso Concello”, afirmou Cajoto. “O novo contrato de concesión, que aínda debe aprobarse en pleno, permitirá investir máis de 3,5 millóns de euros en abastecemento e saneamento, completando así as tres patas da xestión deste recurso tan valioso”.

O alcalde quixo tamén reivindicar a colaboración coa Xunta máis alá das infraestruturas hidráulicas: “Queremos seguir traballando xuntos e pedímoslle á administración autonómica que, igual que con esta depuradora, demos un paso adiante para construír vivenda social en Foz, algo que non se fai dende hai 20 anos. É necesario impulsar vivenda de alugueiro a prezo asequible, porque os prezos subiron máis dun 50% nos últimos tres anos e é unha das demandas máis urxentes das nosas veciñas e veciños”.

Finalmente, Cajoto agradeceu o esforzo de todos os profesionais implicados na obra: “Hai que recoñecer o excelente traballo que se está facendo. Estamos ante unha obra de gran complexidade técnica, que discorre polo medio da vila, e que se está a desenvolver interferindo o mínimo posible na vida cotiá de Foz. É de agradecer este bo facer e a coordinación de todos os equipos implicados”.

⚙ Configurar cookies
0.070120096206665