Foz arrinca o verán cunha intensa programación cultural para todos os públicos

Foz
AMariñaXa
Exposicións, concertos ao aire libre, teatro e festas gastronómicas protagonizan a axenda desta semana no municipio
FOZ-INAUGURACIoN-DE-EXPOSICIoN-PICToRICA-E-ESCULToRICA-NO-CENIMA
4 Jul 2025

O Concello de Foz deu comezo esta semana á súa programación cultural de verán cunha chea de propostas pensadas para todos os gustos e idades. O mércores inaugurouse no CENIMA a primeira das exposicións previstas: unha mostra conxunta de pintura e escultura dos artistas Vicente Barreira e Esperanza Fontecha, que se poderá visitar ata o 27 de xullo.

A exposición, titulada Paisaxes e Obra Última, estará aberta de martes a sábado en horario de 11.00 a 13.00 e de 17.00 a 19.00 horas, e tamén os domingos e festivos pola mañá, de 11.00 a 13.30. A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anima á veciñanza e aos visitantes a achegarse ao CENIMA: “Son propostas de visita obrigada para quen lle guste a arte, tanto pola calidade das obras como pola singularidade das miradas dos autores”.

A música tomará o relevo da man do ciclo Sons na Rúa, que celebra este ano a súa dezaoito edición converténdose nun clásico do verán focense. Todos os venres haberá actuacións en directo en diferentes prazas da vila. A primeira cita será este venres ás 21.00 horas coa Rondalla Latexos.

Pero a fin de semana non remata aí. A Asociación Cultural Virxe do Pilar organiza este sábado a terceira edición da súa Torrezmada Popular da Espiñeira, unha festa gastronómica para gozar en familia e con amigos no Campo da Feira da Espiñeira. A partir das 20.30 horas, ademais de saborear torrezmos e outras especialidades, o público poderá desfrutar da actuación musical do grupo local A Subela.

O domingo, a cultura regresa en forma de teatro á praza Rosalía de Castro (Campo da Cabana), onde se representará a obra Costa da Morte: cartografía dun naufraxio. A función está prevista para as 22.00 horas, aínda que no caso de choiva trasladarase ao pavillón do colexio Nº1 e comezará ás 20.00.

A concelleira Inés López asegura que “a programación está pensada para todos os públicos, con actividades que abranguen dende a música ao teatro, pasando por exposicións e festas populares. Agardamos que a xente de Foz e quen nos visite nestas datas poida desfrutar intensamente de todo o que preparamos”.

⚙ Configurar cookies
0.1742250919342