Foz arrinca a programación cultural de outono con teatro, cine, música e actividades populares

O Concello de Foz vén de anunciar a súa programación cultural para os meses de setembro, outubro e novembro, cun pequeno adianto de decembro. A proposta inclúe teatro, cine, música e tamén actividades organizadas por asociacións locais.
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, destacou que “o outono é tempo de castañas, de novos comezos e de pasar dos espectáculos de rúa ás salas pechadas. En Foz comeza unha nova tempada de teatro, de cine, e a música tamén terá o seu oco”. A edil avanzou que haberá actividades semanais para todos os públicos, ás que se irán sumando novas iniciativas.
Como gran referente, López Couto puxo o foco na obra 'Yo solo quiero irme a Francia', cun elenco de recoñecidas actrices, entre elas María Galiana, a coñecida dona Herminia de Cuéntame. A función estrearase en Galicia no mes de outubro e chegará á Sala Bahía de Foz o 21 de novembro ás 20:30 horas. “Grazas á colaboración intensa do Concello con Agadic logramos contar coa maior programación teatral da Mariña neste segundo semestre do ano, que inclúe maxia, danza, circo e máis propostas”, subliñou.
A programación completa poderá consultarse na web municipal, nas redes sociais e tamén nun folleto impreso dispoñible na Delegación de Cultura e nos diferentes eventos.
Esta mesma fin de semana xa haberá citas destacadas: o venres ás 19:00 horas, no Centro de Interpretación da Basílica de San Martiño, celebrarase a charla O convento de San Martiño de Mondoñedo na Idade Media (s. XII-XVI), a cargo de Carlos Andrés González Paz. Ese mesmo día, ás 20:00 horas, a Casa da Cultura acollerá a representación Vaia idiotas, da compañía Damecuerdateatro, dentro do certame Fegateatro organizado por Pico do Castro, cun prezo de entrada de tres euros.
O sábado 13, ás 20:00 horas, na praza Conde de Fontao representarase Globe Story, unha peza de mímica pertencente ao itinerario Constelacións de Camiño Escena Norte. “Colaboramos con este evento, financiado polo Concello, e formamos parte dunha rede de municipios e compañías de varias comunidades autónomas que comparten a cultura que nos une”, sinalou a concelleira.
Ademais da oferta cultural, a fin de semana inclúe propostas deportivas e festivas: a ruta Pico da Lebre organizada polo Club Ciclista de Foz, a festa fin de verán en Nois con cea e música no Centro Cívico, e a tradicional sardiñada popular en Cordido.
O alcalde, Fran Cajoto, pechou a presentación destacando a aposta municipal pola cultura: “Traballamos para traer a mellor programación galega e tamén propostas doutros puntos do Estado. O labor das asociacións de Foz será a guinda que complete unha programación diversa, para que todas e todos poidan atopar actividades diferentes no noso pobo”.