Foz aposta por unhas festas seguras cun punto violeta de atención e prevención

Foz
AMariñaXa
O Concello reforza a loita contra a violencia machista e o acoso co servizo instalado durante as festas da Virxe do Carme
FOZ-PUNTO-VIOLETA-EN-festas-carmen-2025
17 Jul 2025

O Concello de Foz volveu apostar pola prevención e a sensibilización durante as festas da Virxe do Carme, un dos eventos máis multitudinarios do municipio, coa instalación dun punto violeta. A iniciativa, impulsada pola Delegación de Muller e Igualdade, foi presentada pola concelleira Ana Rojo, quen explicou que se trata “dun espazo de información, apoio e acompañamento para mulleres e persoas do colectivo LGTBIQ+ que sufriran ou presenciaran unha agresión sexista ou situación de acoso”.

O punto violeta non só ofrece axuda directa, senón que tamén cumpre unha función preventiva e de concienciación. “A súa presenza contribúe a visibilizar este tipo de violencia e a sensibilizar á sociedade para previr situacións de acoso e agresións sexuais durante as festas”, indicou Rojo. O obxectivo, segundo destacou a edil, “é garantir que calquera persoa vítima poida recibir atención rápida, segura e profesional nun momento complicado”.

O espazo estivo atendido por un equipo técnico composto por unha psicóloga, unha integradora social especializada en igualdade e unha coordinadora. O punto púxose a disposición da cidadanía debaixo do edificio de Servizos Sociais e do bar náutico, un emprazamento accesible para facilitar a atención a calquera persoa que o necesitase.

Ademais da atención directa, o Concello impulsou unha enquisa dirixida tanto a mulleres como a homes de distintas idades, co fin de valorar o grao de información e preocupación da veciñanza ante situacións de acoso ou agresión, así como o coñecemento das pautas de actuación ante estas circunstancias.

A Delegación de Muller e Igualdade destacou que esta acción responde ao compromiso de crear “festas libres de violencia machista”, promovendo un ambiente baseado “no respecto, a igualdade e o coidado mutuo”, explicou Rojo.

Desde o Concello valoran positivamente esta iniciativa e reafirman a súa intención de continuar traballando na prevención das violencias machistas e na creación de espazos seguros nos eventos festivos.

⚙ Configurar cookies
0.12988114356995