Foz aposta por un alumeado máis eficiente con novas melloras en Fazouro e San Martiño

O Concello de Foz continúa dando pasos firmes na modernización do seu alumeado público. Esta semana, executáronse traballos de renovación das luminarias no parque da Ponte de Ferro, en Fazouro, e no entorno da histórica Basílica de San Martiño, dous espazos que xa amosan unha notable mellora na súa iluminación.
O concelleiro de Alumeado Público, Ángel Fernández Neira, subliñou que “Foz conta cunha rede de alumeado extensa e con deficiencias acumuladas ao longo dos anos, polo que estamos a acometer actuacións por fases para mellorar pouco a pouco cada zona”.
No parque de Fazouro, elimináronse antigas balizas de chan e colocáronse novas luminarias e focos, respondendo a unha demanda veciñal promovida polo anterior presidente da asociación de veciños, Raúl Río. Tamén no entorno da Basílica de San Martiño instaláronse novos focos e reparáronse puntos de luz existentes, aínda que queda traballo por facer na revisión das luminarias do parque.
O alcalde, Fran Cajoto, anunciou que o Concello está a realizar unha auditoría completa do sistema de alumeado público co obxectivo de preparar a documentación necesaria para sacar a licitación un novo servizo de mantemento que inclúa investimentos adicionais. “Queremos un Foz ben iluminado e coidado”, indicou, sinalando outras actuacións xa executadas, como a renovación con tecnoloxía LED na avenida Mar Cantábrico, a rúa de Lugo e nas rotondas de entrada á vila.
Cajoto tamén avanzou que o Concello ten solicitadas subvencións á Xunta de Galicia para mellorar o alumeado no parque empresarial de Fazouro e no Campo da Cabana, e está á espera da súa resolución para seguir avanzando neste proxecto de transformación luminosa.