Foz aposta pola formación rural cun exitoso curso de poda e enxertos

A área de Servizos Sociais do Concello de Foz vén de pechar con éxito un curso práctico sobre poda de árbores froiteiras e técnicas de enxerto, unha actividade que espertou grande interese entre a poboación das distintas parroquias do municipio. A formación, cun total de 25 horas lectivas en modalidade presencial, desenvolveuse durante as mañás dos sábados desde febreiro e contou coa participación de 28 persoas. O obradoiro foi impartido por unha enxeñeira agrónoma pertencente ao centro Emergal Ensino.
A concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, explicou que o obxectivo principal do curso era ofrecer unha introdución ás técnicas de poda en especies tan habituais nas hortas da zona como maceiras, arandos, kiwis, pereiras, pexegueiros, marmelos, laranxeiras, cerdeiras, figueiras, nísperos ou mirabeles. Para acadar unha formación máis práctica e adaptada ao territorio, as intervencións realizáronse en hortas particulares das parroquias, cedidas amablemente polos propios alumnos e alumnas.
Unha vez finalizado o obradoiro, e como recoñecemento á implicación do alumnado, fíxoselles entrega dun diploma acreditativo nun acto no que participaron tanto a propia Ana Rojo como o alcalde de Foz, Fran Cajoto.
Dada a excelente acollida da iniciativa, desde o Concello xa traballan na organización dun novo curso orientado a promover unha agricultura baseada en procesos naturais e respectuosa co medio ambiente. “Na próxima tempada poremos en marcha un obradoiro centrado en técnicas agrícolas libres de produtos químicos, buscando unha produción máis saudable e sostible”, adiantou a concelleira.
Ao tempo, Ana Rojo fixo fincapé noutras accións que se están a desenvolver en diversas parroquias e no propio núcleo urbano, como cursos de pilates, bolillos, estimulación da memoria, ou cociña centrada no aproveitamento de recursos naturais e da gastronomía local. “Estas propostas pretenden fomentar a participación cidadá e fortalecer os vínculos sociais, especialmente entre a xente maior, promovendo o seu benestar e autonomía”, apuntou.
Agradeceu tamén a colaboración do Club Náutico, que volveu ceder as súas instalacións para a realización do curso de cociña, así como ao grupo Gadisa, pola achega de vales para a compra de alimentos empregados nos menús elaborados durante as sesións. “Seguiremos a impulsar actividades que reforcen o tecido social e beneficien especialmente aos nosos maiores”, concluíu Rojo.