Foz amplía o horario da biblioteca e da sala de estudos para mellorar os servizos culturais

Foz
AMariñaXa
A biblioteca abrirá agora tamén os venres pola tarde e a sala de estudos terá un horario ininterrompido de luns a venres
CASA-DA-CULTURA-E-BIBLIOTECA-PuBLICA-MUNICIPAL-DE-FOZ
19 Mar 2025

O Concello de Foz continúa apostando pola mellora dos seus servizos culturais, especialmente os da biblioteca municipal e a sala de estudos. A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anunciou que se ampliará o horario de ambos espazos para dar unha maior cobertura á demanda da veciñanza.

“O novo horario da biblioteca será de luns a venres pola mañá, de 8:30 a 14:00 horas, e polas tardes, de 15:00 a 20:00 horas, o que supón a apertura tamén os venres pola tarde. Ademais, a sala de estudos abrirá de luns a venres de 8:30 da mañá a 20:00 horas de forma ininterrompida”, explicou a concelleira.

Inés López destacou a boa acollida que tivo a apertura da sala de estudos o pasado mes de novembro, demostrando a necesidade deste servizo en Foz. “Seguiremos traballando para incrementar os servizos culturais e educativos, porque queremos que Foz continúe medrando. Nas próximas semanas celebraremos o Día do Libro e o Día das Letras Galegas cunha programación chea de actividades para todas as idades”, adiantou.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, tamén valorou positivamente estes cambios: “O acceso á cultura e a contar con espazos axeitados para o estudo son esenciais. Seguiremos traballando na mellora da Casa da Cultura, un edificio cheo de vida onde tanto os máis pequenos como os maiores poden atopar un lugar de encontro coa historia e identidade de Foz”.

⚙ Configurar cookies
0.068117141723633