Foz, Alfoz e O Valadouro terán un obradoiro dual de xardinería
Os concellos de Foz, Alfoz e O Valadouro presentan o proxecto de Obradoiro Dual de Emprego de Xardinería Terras do Ouro 2022. Tras aprobación no plenario dos tres Concellos, estes presentaron a solicitude de subvención á Consellería de Emprego e igualdade da Xunta para a convocatoria deste ano 2022.
"Creemos que é fundamental xerar emprego nun momento de incertidume como o que estamos a vivir. Os obradoiros son unha moi boa oportunidade para que as persoas máis vulnerables e desempregadas encontren unha nova profesión e teñan unha opción de futuro. Agardamos que a Xunta dispoña fondos suficientes para que ningún obradoiro se quede fóra e as administracións locais podamos seguir ofrecendo estas opcións"-indicou o alcalde de Foz, Fran Cajoto.
O obxectivo do obradoiro é conseguir unha formación de calidade dirixida a persoas desempregadas conducente á obtención dos certificados de profesionalidade de xardinería nas especialidades Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría (AGAO0108), Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes (AGAR0309) e Instalacións e mantemento de xardíns e zonas verdes (AGO0208). Ao mesmo tempo, durante a súa formación os alumnos crearán e acondicionarán zonas verdes para ofrecer aos cidadáns un entorno óptimo para o seu disfrute.
O alcalde de Alfoz, Jorge Val, destacou que "o obradoiro forestal que temos actualmente en marcha entre os tres concellos está a funcionar moi ben, cuns alumnos moi implicados: isto animounos a repetir a experiencia e volver solicitar a subvención necesaria para este novo taller formativo".
Edmundo Maseda, alcalde de O Valadouro, manifestou que "os profesionais forestais teñen saída laboral e a xardinería tamén. Demándanse bos traballadores para moitos ámbitos: obradoiros coma este son unha oportunidade para formar xente e ofrecer perspectivas de traballo".