Foz activa a nova reordenación do tráfico arredor da Rapadoira

Este mércores 2 de xullo, o Concello de Foz pon en marcha a nova reordenación do tráfico na rúa Sarria e na contorna da Rapadoira, unha actuación que se enmarca dentro das medidas do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable, elaborado durante a pasada lexislatura. O obxectivo principal é mellorar a seguridade viaria, facilitar a accesibilidade e ordenar a circulación no núcleo urbano.
O alcalde, Fran Cajoto, subliña que “Foz precisa investimento” e lembra que nos últimos anos xa se avanzou na transformación de zonas clave como a Costa do Castro, convertendo un antigo camiño nunha rúa segura, ou en Corporacións, onde grazas ao apoio económico da Deputación de Lugo se acondicionaron beirarrúas, pasos peonís e zonas de estacionamento.
Segundo indica o rexedor, os cambios de sentido en rúas próximas á Rapadoira permitirán unha circulación máis fluída e segura para vehículos e peóns, grazas á incorporación de novas beirarrúas, pasos ben sinalizados e sentidos únicos claros. “A gran cantidade de xente que pasea pola zona da Rapadoira pode facelo agora con máis seguridade”, apuntou.
As rúas que modifican a súa circulación son as seguintes:
- Rúa Trapero Pardo, cun único sentido cara á Rapadoira.
- Rúa Alfredo Brañas, con dirección única en sentido Burela.
- Paseo de Colón (Rapadoira), que pasa a ter sentido único cara a Llas.
- Rúa Sarria, entre Corporacións e Uxío Novoneyra, con sentido cara ás Torres.
- Rúa Uxío Novoneyra, cun único sentido dirección Atalaia.
- Rúa Atalaia, que terá sentido único cara a Corporacións e tamén cara ás Torres desde Uxío Novoneyra.
- Rúa Cervo, que cambia o seu sentido cara ás Casas Baratas.
Cajoto explicou que queda aínda por modificar os sentidos nas rúas Eduardo Pondal e Alfonso X, algo que se completará unha vez finalicen as obras das Casas Baratas. “Será entón, no outono deste 2025, cando percibiremos o cambio real na circulación en Foz e unha mellora significativa dentro do casco urbano”, avanzou.
O alcalde tamén anunciou que a mesa de contratación propuxo adxudicar a empresa Construcciones Cazás SL as obras de mellora das rúas Alfredo Brañas e Alfonso X, cun orzamento próximo aos 100.000 euros. Os traballos darán comezo en setembro, logo dun proceso de licitación aberto.