Foz acollerá unha concentración e dous cursos para conmemorar o 25 de novembro
O Concello de Foz organiza unha concentración e dous cursos para conmemorar o 25 de novembro, Día da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A concelleira de Muller e Igualdade, Elena Martínez Pena, anuncia: “Acabouse! é o lema do Concello de Foz para este 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Desde o Concello queremos amosar, baixo este lema, a nosa repulsa contra calquera tipo de violencia machista e transmitir á sociedade a importancia de traballar valores de igualdade e respecto polas persoas”.
Elena Martínez engade que “este ano colabora nesta campaña o equipo feminino de baloncesto Adamo Celtas, do C.B Celtas de Foz, un equipo conformado por algo máis dunha decena de mulleres novas, comprometidas e loitadoras, que se erixen como o equipo revelación da Primeira Autonómica Feminina. Estas rapazas son un clara mostra de que o deporte, como moitos outros ámbitos, non é só masculino e as locais están a ser un gran exemplo de deportividade para toda a xuventude”.
A programación de actividades polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller en Foz xa comezaron o pasado sábado 18 de novembro cunha Andaina contra a Violencia de Xénero, que se levou a cabo en colaboración coa asociación de camiñantes de Foz Os Sendeiros e a asociación de Mulleres en Igualdade de Burela (BUMEI). Nesta iniciativa participaron máis dun centenar de persoas, que percorreron 14 quilómetros de costa desde a praia de A Rapadoira ata o Centro Cívico de Cangas unidas cun mesmo fin: dicirlle non á violencia de xénero.
Outro dos actos que se van levar a cabo para este 25N como apoio ás 52 vítimas dos feminicidios que se perpetraron neste ano 2023 é unha concentración e lectura do manifesto o vindeiro 24 de novembro ás 19:00 horas, diante da praza do Concello, no que participará tamén alumnado do IES de Foz.
Por outro lado, desde a Aula Universitaria da UNED de Foz tamén se está a ofertar o curso Muller. Falemos claro, que se celebrará do 11 ao 19 de decembro, de 18:00 a 20:30 horas, no Salón de Actos da Casas da Cultura de Foz e onde contarán con profesionais que abordarán diferentes temáticas dedicadas á muller. Para inscribirse no mesmo pode ser por vía telefónica (teléfonos 982 133 699 e 604 034 549) ou no correo electrónico foz@lugo.uned.es.
E para rematar o programa de actividades deste 25 de novembro en Foz, realizarase un ano máis o curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas os días 22 e 24 de xaneiro de 16.00 a 20.00 horas no IES de Foz, que estará monitorizado por especialistas da Federación Galega de Loita e pertencentes ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. A inscrición abrirase proximamente e poderase facer no teléfono de Servizos Sociais de Foz (teléfono 982 133 566).