Foz acollerá o festival Vrao o 12 de agosto

Foz
AMariñaXa
A música independente galega chega a Foz de man do festival Vrao que reúne o 13 e 14 de agosto unha selección dos mellores artistas
presentacion festival vrao foz 2023
6 Aug 2023

Presentouse no Cenima de Foz a segunda edición do festival Vrao Sons Independentes, que se celebrará o día 12 deste mes, sábado, na praza Conde de Fontao da vila focega.

O promotor do festival, Antonio Paz, explicou: “despois do éxito acadado o ano pasado creemos que este formato de festival chegou para quedar e proba diso é o apoio institucional recibido por parte principalmente do Concello de Foz, a Deputación de Lugo e a ACIA; e desde a organización non podemos estar máis agradecidos a estas institucións por permitirmos seguir promocionando a cultura musical realizada na nosa terra”.

E o alcalde de Foz, Fran Cajoto, destacou a variedade de programación que promove o Concello de Foz durante a tempada de verán e fóra dela: “estamos a falar de todo tipo de actividades, probas deportivas, actuacións de grupos tradicionais, festas patronais, cultura, festivais... Na rúa felicítannos pola variedade e a calidade da programación, que é moi completa. Isto hai que compatibilizalo co descanso porque queremos que Foz continúe medrando e siga a converterse no gran referente da nosa comarca. Quero agradecer á Deputación de Lugo o gran apoio económico que nos está a prestar para promover a música local a través do festival Vrao. Dicir Vrao é dicir Foz”.

Na presentación participaron tamén o concelleiro de Festas, Ángel Fernández; a edil de Xuventude, Zoraida Coira; a deputada provincial Marisol Morandeira; e a xerente do Centro Comercial Aberto de Foz, Ana Segade.

DEPUTACIÓN.

A institución provincial colabora cunha achega económica de 15.000€ para organizar o encontro e avanzar para “consolidalo como un referente no calendario de festivais da comarca e da provincia de Lugo”, asegurou a Deputada. “Facémolo porque é un festival que enriquece a oferta cultural da nosa provincia cunha proposta moi atractiva que potencia o talento galego; porque esta proposta ten un retorno económico importante para Foz e para a comarca en sectores como o da hostalería e o comercio, que son fundamentais; e porque favorece o modelo de turismo de calidade e de experiencias polo que traballamos dende a  Deputación, e que comparte o propio Concello e a Mancomunidade de Municipios da Mariña”, explicou.

Morandeira destacou a importancia deste evento musical e felicitou ao Alcalde e ao seu equipo “por recuperar o ano pasado esta cita do verán focense, dándolle unha nova visión, reinventándoa, e por darlle continuidade este ano cun programa de gran variedade e calidade”. Ademais invitou á veciñanza da provincia a achegarse ao Festival Vrao e desfrutar, ao mesmo tempo, do patrimonio focego.

0.15257287025452