Foz acollerá a ruta BTT Pico da Lebre o 13 de setembro

Foz
AMariñaXa
O percorrido circular de 55 quilómetros e 1.500 metros de desnivel permitirá descubrir a diversidade paisaxística do municipio
FOZ-Ruta-da-lebre-club-cilcista-2025
21 Aug 2025

O Club Ciclista Foz, en colaboración co Concello de Foz, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, presentou a ruta BTT Pico da Lebre, que se celebrará o sábado 13 de setembro. Trátase dun itinerario circular de 55 quilómetros con 1.500 metros de desnivel positivo, que partirá ás 9:30 horas da Praza Conde de Fontao.

As persoas interesadas xa poden inscribirse a través da plataforma CCNORTE (https://ccnorte.com/evento/detalle/id/3114/ruta-pico-da-lebre-foz
), cun prazo aberto ata o 10 de setembro. O custo é de 30 euros e inclúe seguros, café antes da saída, avituallamento á chegada, comida completa —empanada, paella e sobremesa—, ademais de acceso a duchas no Colexio Martínez Otero.

Desde o Club Ciclista Foz subliñan “a vistosidade da ruta”, que permitirá gozar de paisaxes variadas. O trazado comeza polo paseo marítimo ata a praia da Pampillosa en Fazouro, continúa pola beira do río Ouro e ascende ao Pico da Lebre, Madroi, Santo Acisclo, Vilacizal, A Ermida e o Alto de Virín, regresando de novo a Foz por Malates.

O alcalde, Fran Cajoto, agradeceu ao club “a recuperación dunha ruta que percorre unicamente o noso concello e que amosa a gran riqueza paisaxística do municipio”, ao tempo que animou á cidadanía e visitantes a participar.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Ángel Fernández Neira, destacou que esta proba “volve para poñer en valor as rutas de Foz”. Ademais, lembrou que o club ciclista “sempre achegou ideas e esforzo na creación de percorridos como o do río Ouro, e con eventos coma este contribúe a impulsar un deporte tan completo como o ciclismo en plena natureza”.

⚙ Configurar cookies
0.17023921012878