Foz acolle o seu primeiro Open Nacional de Petanca con xogadores de toda España

O Concello de Foz converterase o vindeiro 26 de xullo no epicentro da petanca en Galicia coa celebración da primeira edición do Open Nacional "Villa de Foz", un torneo de carácter estatal que reunirá xogadores de diversas comunidades autónomas. A cita terá lugar nas pistas situadas na rúa Uxío Novoneyra, que se estrearon en outubro de 2022 como as primeiras instalacións deste tipo na Mariña Lucense e que desde entón contan cunha notable actividade.
A presentación oficial do evento tivo lugar nas propias pistas, nun acto ao que asistiron o alcalde de Foz, Fran Cajoto, o concelleiro de Deportes, Ángel Fernández, así como membros da directiva do Club de Petanca Foz, organizador do torneo. O presidente do club, Jesús Mercader Hermida, destacou que a nova directiva, que leva tres meses ao fronte, pretende revitalizar esta práctica deportiva na vila. “Animamos a toda a veciñanza a achegarse a coñecer a petanca de preto e a gozar dunha xornada diferente”, afirmou.
O evento contará coa presenza de xogadores de renome chegados de diferentes puntos da xeografía estatal, o que, segundo a organización, garante un nivel competitivo alto e un espectáculo atractivo para o público. O club agradeceu tamén o apoio dos patrocinadores e colaboradores que fixeron posible a posta en marcha do open.
Pola súa banda, o alcalde, Fran Cajoto, subliñou a importancia desta iniciativa, lembrando que “a petanca é unha actividade que favorece a socialización e o exercicio físico en persoas de todas as idades”. Tamén destacou o éxito das pistas desde a súa apertura, apuntando que o ambiente xa de seu animado seguramente se verá reforzado pola celebración do torneo.