Foz acolle a primeira xornada do vehículo integral de documentación para renovar DNI e pasaporte

A veciñanza de Foz contou este xoves cun servizo excepcional para renovar o DNI e o pasaporte grazas á primeira xornada do vehículo integral de documentación (VIDOC) da Policía Nacional, instalado diante do CENIMA.
O alcalde, Fran Cajoto, destacou que “este servizo foi moi ben acollido polas veciñas e veciños e ante a afluencia o Concello solicitará a posibilidade de que se aumente a frecuencia a dúas veces ao mes”. Segundo explicou, a presenza do VIDOC facilita enormemente a tramitación destes documentos, pois permite que os cidadáns poidan realizala de forma cómoda e próxima ao seu domicilio.
Cajoto engadiu que “agradecemos o bo traballo dos funcionarios da Policía Nacional, que con este servizo facilitan a obtención do DNI aos veciños, achegándoo de forma sinxela”. O éxito da xornada fíxose evidente, xa que as citas para a seguinte xornada, prevista para o 28 de outubro, xa están completas.
O Concello apunta que, de consolidarse este servizo de xeito periódico, permitirá que máis veciños poidan actualizar a súa documentación sen necesidade de desprazarse a outras localidades, mellorando a atención cidadá e reforzando a proximidade dos servizos públicos.