Foz acolle a presentación do proxecto Historia dos Estaleiros da Mariña Ortegal
O GALP A Mariña-Ortegal realizará a presentación pública do proxecto audiovisual Historia dos Estaleiros da Mariña Ortegal este martes 28 de decembro ás 19:00h no salón de actos da Casa de Cultura de Foz, e que simultaneamente se estreará na canle de youtube do Galp ou ben na páxina: https://youtu.be/6Jtvhcnk-iE
O obxectivo deste proxecto é dar a coñecer o presente e pasado da industria naval nas comarcas da Mariña e Ortegal ao longo da historia, cun percorrido por todos aqueles pobos e concellos costeiros que ao longo do tempo tiveron relación con esta actividade: desde a carpintería de ribeira e as primeiras embarcacións de madeira construídas manualmente ata os luxosos e exclusivos catamaráns de aluminio que se constrúen na actualidade.
Trátase de poñer en valor a tradición pesqueira, as artes de pesca e este oficio artesanal que forma parte da cultura e patrimonio destas comarcas mariñeiras. O video conta coa participación de 25 persoas que documentan os inicios da actividade desde o século XVI ata a actualidade, destacando como época de maior desenvolvemento a mediados do século XX.
Desde Ribadeo a Cedeira, visítanse portos e lugares onde se desenvolveu a actividade, falando cos seus protagonistas que relatan en primeira persoa a súa propia experiencia, sobre todo durante a segunda metade do século pasado.
No documental destácanse exemplos como Foz, que na década dos 60 chegou a ter cinco estaleiros en funcionamento, e onde se botou a principios dos 90 o barco de pesca de madeira mais grande de Europa. En San Ciprián, Francisco Frá, fiel a tradición familiar desde hai séculos, mantén vivo o oficio. Celeiro, O Vicedo, O Barqueiro, a ría de Ortigueira, con Sismundi e Feás, e o Museo Mares de Cedeira son outras das localizacións visitadas.
Tamén se presenta a actualidade do sector nos varaderos de Burela e Celeiro, a construcción en fibra no polígono de Fazouro e en aceiro e ferro en Talleres Cillero. E a viaxe remata en Astilleros Armón, buque insignia da construcción naval en Galicia na actualidade, con recoñecentos e premios internacionais.
O documental ten 72 minutos de duración e foi realizado pola productora de vídeo Arracada Produccións entre os meses de maio e decembro deste ano. Forman parte do vídeo imaxes do arquivo de Sergio López Maseda, así como outras fotografías antigas cedidas polos propios protagonistas.