Foz achega a lectura aos máis pequenos con obradoiros e representacións teatrais

Foz
AMariñaXa
Os meses de abril e maio veñen cargados de actividades na Casa da Cultura focense.
INÉS LÓPEZ ACTIVIDADES  BIBLIOTECA MUNICIPAL DE FOZ
10 Abr 2024

Os meses de abril e maio veñen cargados de actividades na Casa da Cultura focense. Durante as vindeiras semanas, a Biblioteca Salgado Toimil organiza diferentes propostas para convidar a grandes e pequenos á lectura e a achegarse aos libros. Neste mes celébranse os Días do Libro Infantil e en maio o Día das Letras Galegas, así que pretenden “dedicar estes meses a achegar a lectura e outras actividades relacionadas coa biblioteca á sociedade”, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto.

O programa, que comezou en Semana Santa, desenvolverase na Casa da Cultura, no salón de actos ou na propia biblioteca. “A seguinte actividade será este venres 12 ás 18.30 horas con teatro, cunha representación de Carmen Domech: Onde mimen os monstros”, conta. As seguintes actividades programadas, un obradoiro para crear portalibros, a representación O traxe novo do rei e un obradoiro de lettering ou caligrafía, terán lugar os venres 19 e 26 de abril e 10 de maio.

As inscricións para o obradoiro de portalibros xa están abertas a través do teléfono 982 140 675. O programa tamén inclúe unha charla coa escritora focense Natalia Alonso, en colaboración coa UNED, o día 10 de maio ás 20.15 horas. Para rematar, o martes 14 haberá dúas sesións para centros escolares da obra A nena do violino e a poesía, de Trémola Teatro, para celebrar o Día das Letras Galegas.

A cultura supón “un eixo importantísimo e queremos achegala á sociedade desde a infancia”, explica a alcalde de Foz, Fran Cajoto. Deste xeito, a concelleira de Cultura agradece o enorme traballo que se está a facer desde a biblioteca municipal e esperan que todo o mundo desfrute desta programación chea de actividades.

0.19231104850769