Foz abre o prazo de inscrición para o V Certame de Teatro Afeccionado José Luis López Lorenzo “O Poto”

Foz
AMariñaXa
O evento celebrarase en xuño na Casa da Cultura e está aberto á participación de compañías de toda España
CARTEL-V-CERTAME-DE-TEATRO-FOZ-(XUÑO-2026)
11 Mar 2026

O Concello de Foz vén de facer públicas as bases que regulan a participación no V Certame de Teatro Afeccionado José Luis López Lorenzo “O Poto”, unha iniciativa cultural que busca promover o teatro non profesional e ofrecer ao público local unha programación escénica variada.

As compañías interesadas en formar parte desta nova edición poderán formalizar a súa inscrición a través da sede electrónica municipal, onde o Concello habilitou un trámite específico para completar o proceso. Ademais, as bases da convocatoria tamén poden consultarse no departamento de Cultura do propio consistorio ou na mesma plataforma dixital. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 11 de abril.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, destacou que este certame se converteu nunha cita destacada dentro da programación cultural do municipio. Segundo explicou, “trátase dun encontro xa consolidado en Foz, no que se dan cita actrices e actores afeccionados e un público que sente unha gran afección polo teatro”.

A responsable municipal tamén avanzou as datas nas que se desenvolverá o festival. As representacións terán lugar durante o vindeiro mes de xuño, concretamente os días 5, 6 e 7, así como o 12, 13 e 14, todas elas na Casa da Cultura de Foz.

López Couto mostrouse confiada en que a convocatoria volverá contar cunha boa resposta por parte das compañías. “Agardamos que, como aconteceu nas edicións anteriores, moitos grupos se animen a participar e a compartir o seu traballo co público de Foz”, sinalou.

Neste sentido, subliñou tamén o alto nivel que están a demostrar as agrupacións que participan no certame. “O público focense é cada vez máis esixente, pero os grupos seguen superando as expectativas edición tras edición, ofrecendo montaxes de gran calidade”, engadiu.

Unha vez remate o prazo de inscrición, o Concello dará a coñecer o cartel definitivo desta quinta edición, no que poderán participar compañías procedentes de Galicia pero tamén doutros puntos do Estado. O obxectivo é manter a diversidade de propostas escénicas e seguir consolidando esta cita como un referente para o teatro afeccionado.

0.11825299263