Foz abre o prazo de inscrición para o IV Certame de Teatro Afeccionado ‘José Luis López Lorenzo O Poto’

Foz
AMariñaXa
A convocatoria, que terá lugar en xuño na Casa da Cultura, está aberta a grupos de toda España e consolídase como unha das grandes citas culturais do concello
Foz-ENTREGA-DE-PREMIOS-III-CERTAME-DE-TEATRO-AFECCIONADO-2025
8 Apr 2025

O Concello de Foz vén de abrir o prazo para participar no IV Certame de Teatro Afeccionado ‘José Luis López Lorenzo O Poto’, unha iniciativa cultural que se celebrará os días 6, 7, 8 e 13, 14 e 15 de xuño na Casa da Cultura. Os grupos interesados en formar parte deste encontro poden presentar as súas solicitudes ata o 5 de maio a través da sede electrónica do Concello, onde atoparán un trámite específico para realizar a inscrición. As bases completas tamén se poden consultar no departamento de Cultura ou no taboleiro de anuncios da propia sede electrónica.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, subliña que se trata “dunha cita xa consolidada no calendario cultural de Foz, onde se dá encontro o talento de actores e actrices afeccionadas cun público entregado e cada vez máis esixente”. A edil tamén destacou o nivel crecente das compañías participantes en cada edición, e amosou o seu desexo de que “coma nos últimos anos, se animen moitos grupos a participar para facer gozar ao público focego”.

O certame está aberto tanto a agrupacións galegas como de calquera outra comunidade autónoma, o que contribúe á diversidade e riqueza da programación teatral. Unha vez pechado o prazo de inscrición, o Concello fará público o cartel coas compañías seleccionadas.

⚙ Configurar cookies
0.16457891464233