Foz abre este venres as reservas para a cea de coroación do Rei do Entroido 2026

O Concello de Foz abrirá o vindeiro venres, 16 de xaneiro, ás 18.00 horas, o prazo para reservar as entradas da cea de coroación do Rei do Entroido 2026, Dérek Pérez González, xunto ás súas damas Laura Fanego Fernández e Cristina Otero Rodríguez. A cita marca un dos primeiros grandes actos do Entroido focense e volverá reunir a veciñanza nunha noite festiva e multitudinaria.
Como principal novidade deste ano, o sistema de reservas deixa atrás o correo electrónico e pasa a realizarse mediante un formulario habilitado na páxina web do evento. O representante de cada mesa deberá cubrir os seus datos e achegar o listado completo das persoas asistentes. A concelleira de Cultura, Inés López Couto, explica que “pretendemos facilitar o proceso de inscrición e evitar as longas colas e esperas que se producían en edicións anteriores”.
A cea celebrarase o sábado 31 de xaneiro na carpa instalada na rúa Atalaia, onde xa se están ultimando os preparativos. O menú incluirá empanada, sopa de cocido, costela asada, sobremesa, viño, refrescos, auga e chupito, ademais dunha opción sen glute. O prezo da tarxeta será de 30 euros. A velada estará animada por DJ Cosme, de Eventec, e polo grupo musical Los Coleguitas.
Unha vez confirmadas as reservas pola organización, as entradas poderán recollerse na Casa da Cultura os días 26, de 10.30 a 13.30 horas e de 17.30 a 19.00 horas, e o día 27, de 17.30 a 19.30 horas. O prazo para realizar as reservas permanecerá aberto ata o día 18 ás 23.59 horas.
As portas da carpa abriranse ás 21.00 horas e a cea dará comezo ás 22.00. A coroación do Rei do Entroido está prevista arredor da unha da madrugada, momento no que tamén haberá actuacións da batukada Kombarullo e do grupo de percusión Os Petapouco, da comparsa Ruxe Ruxe.
Durante a mañá do propio sábado, as comparsas locais Sin Xeito, As Farangullas, Ruxe Ruxe, Maloserá e Trouleiras sairán ás rúas con pasarrúas por diferentes puntos da vila para quentar o ambiente festivo, tal e como sinalou o concelleiro de Xuventude, Ángel Fernández Neira.
Pola súa banda, o alcalde de Foz, Fran Cajoto, destacou que “este evento supón o inicio dun dos períodos máis importantes do ano para o concello e para a súa veciñanza”, ao tempo que animou a toda a poboación a participar e desfrutar intensamente do Entroido de Foz.