Foz abre ao tráfico a nova vía das Lagoas, unha mellora clave para a mobilidade da zona

Foz
AMariñaXa
O Concello inviste preto de 68.000 euros nun vial de sentido único e un paso peonil iluminado que conecta coa senda de Llas
Foz-novo-vial-Toores-coa-senda-das-praias-2025
25 Nov 2025

O Concello de Foz vén de poñer en funcionamento a nova vía das Lagoas, na zona das Torres, unha intervención financiada con case 68.000 euros a través do Plan Deputación 2024 e destinada a mellorar de maneira notable a seguridade e a mobilidade nunha área cun uso cada vez máis intensivo.

A actuación incluíu a creación dun viario de sentido único que permite unha saída máis cómoda e ordenada do estacionamento, así como a instalación dun amplo paso peonil iluminado, deseñado para facilitar o tránsito da veciñanza e enlazar de maneira directa coa senda peonil que conduce á praia de Llas. O obxectivo, segundo sinalan desde o goberno local, é favorecer unha circulación máis segura tanto para vehículos como para peóns.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, subliñou que esta obra responde a unha demanda veciñal e supón un novo avance no acondicionamento da contorna: “É unha mellora moi importante para os veciños, facilitando o acceso ás vivendas e garantindo unha maior comodidade e seguridade en todo o ámbito das Lagoas”, afirmou.

Cajoto incidiu tamén no compromiso do executivo municipal coa modernización do municipio e coa creación de espazos urbanos máis prácticos e accesibles: “O que pretendemos é seguir mellorando a nosa vila e continuar apostando por esa transformación dunha vila que avanza cara a unha pequena cidade. A seguridade viaria e a comodidade deben ser parte esencial da nosa identidade”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.053344011306763